DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnas do campus recolleron este martes un galardón do I Concurso de Historia da Escola en Galicia

Para rematar o curso, un premio EducaBarrié nas mans

Pola súa reportaxe multimedia sobre a vida do xornalista Luís Padrón

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 19/06/2013

Este martes un grupo de alumnas da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense puxeron un broche de ouro ao remate do seu curso académico 2012/2013. Fixérono recibindo na cidade da Coruña o primeiro premio á Mellor Reportaxe Multimedia Universidade do I Concurso de Historia da Escola en Galicia da Fundación Barrié. Con este galardón EducaBarrié recoñece o traballo audiovisual que realizaron sobre a vida de Luís Padrón, un xornalista ourensán xa xubilado, e sobre as súas lembranzas do ensino durante os anos 30.

O proxecto, que se realizou no marco dunha materia da docente Rosa Mª Cid, estivo realizado polas alumnas Beatriz Gómez María José González Alba López María Miguélez e Elena González. Baixo o título A escola en Galicia nos anos 30. Lembranza de Luis Padrón, estas universitarias gravaron ao xornalista relatando os seus recordos educativos da infancia no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación do campus. “Foi unha experiencia inesquecible e nunca imaxinamos que conseguiríamos ademais o primeiro premio de EducaBarrié. Foi unha gran sorpresa e ao mesmo tempo unha satisfacción para todas”, destacaba María Miguélez cando recibiu a nova de que o seu traballo resultara un dos gañadores entre os 150 proxectos de toda Galicia que se presentaron ao concurso.

“Foi unha gala moi interesante, na que puidemos escoitar as lembranzas da escola de Neira Vilas e aos responsables da iniciativa. Todo discorreu moi ben, nun clima agradable e sempre co acollemento da Fundación Barrié, que foi excepcional, sempre moi atentos coas persoas premiadas”, salientaba Rosa Cid tras a recollida do galardón. Foi, explica, un momento moi emocionante para as alumnas galardoadas, que viron recoñecido así o esforzo feito e a singularidade e calidade do traballo que realizaron durante este curso académico que agora remata.