DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adaptada á nova imaxe corporativa da institución

Renovación de imaxe e contidos no novo portal web da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 01/03/2010
A Universidade de Vigo estrea hoxe un renovado portal web cunha imaxe adaptada á nova identidade corporativa da institución e novos contidos que veñen a sumarse aos que albergaba a anterior web. A nova web agrupa os seus contidos en diferentes seccións a través das que as persoas que o visiten disporán dun listado de once menús que lles darán acceso a información sobre cuestións tan variadas como Estudos e titulacións, Investigación e transferencia, Organización institucional ou Vida universitaria. Xunto a outras entradas nas que é posible consultar as Novidades e Axudas da institución, a nova web incorpora na súa parte central unha adaptación do Duvi, o Diario Dixital da Universidade de Vigo, que inclúe as novas máis relevantes que se producen nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Actualidade e recursos

A renovación do portal web que se inclúe no programa de renovación e actualización das tecnoloxía da información e comunicación da Universidade de Vigo, persigue unha melloría no manexo e na accesibilidade ás novas tecnoloxías, tanto da comunidade universitarias, como de todas aquelas persoas que utilicen a web. Coa finalidade de achegar a imaxe máis completa e actualizada da institución académica, o novo portal reorganizou os seus contidos , dotándoos ademais de novas ferramentas que o completan e simplifican. Así en apartados como Coñécenos ou Vida universitaria, destinados a un público potencial ou recentemente incorporado á institución, incluíronse mapas interactivos que facilitan unha localización máis precisa dos campus, ou dos servizos que neles existen como comedores ou cafetarías. Os vídeos para descargar e os links con outras páxinas web ou documentos da institución, facilitan o fluxo de información institucional no portal no que os campus, os centros, os departamentos e as áreas e servizos, contan con menús de acceso de seu na páxina principal. Así mesmo coa finalidade de facilitar unha busca máis rápida servizos e áreas como Bibliotecas, Secretaría virtual ou Teledocencia, dispoñen de menús directos baixo o epígrafe Outras webs no que se incluíu tamén unha entrada que dará acceso á información relevante das vindeiras eleccións a reitor e ao Claustro que se celebrarán no mes de maio.
A importancia da interactividade coas persoas que consultan o portal ponse de manifesto na existencia das chamadas Caixas de correo nas que se recollerán as mensaxes dos usuarios dirixidas a diferentes ámbitos da institución académica. A nova web xa dispón de versións operativas en galego e castelán ás que en breve se sumará o inglés.