DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 estudantes da facultade integran o equipo responsable deste espazo semanal

O renovado escaparte radiofónico de CCSS e da Comunicación inicia a súa quinta tempada

Os programas difúndense a través da rede

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/11/2018

O feito de que se trate de un programa feito “por e para ao alumnado” motiva que cada curso as e os responsables do programa Radio Escaparate teñan que incorporar novos e novas integrantes ao equipo encargado de levar a cabo este espazo semanal que este mes de novembro daba inicio á súa quinta tempada. Iso motivou a organización dun cásting do que saíron os 24 alumnos e alumnas que se sumaron a un proxecto que arrincou a comezos de 2015 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que xunto aos e ás seis estudantes que continúan da tempada anterior fan que esta quinta tempada sexa a que reúna o equipo máis numeroso á fronte deste programa, como explica a nova directora deste espazo, Noelia Fontecoba.

“Para nós é unha oportunidade de coñecer máis como é a radio por dentro, que é un medio que nos chama moito a atención á xente nova hoxe en día”, salienta Fontecoba, que, tras exercer como presentadora en anteriores tempadas, asumía este curso a dirección dun magazine que este grupo de 30 alumnos e alumnas grava cada martes no estudio da facultade e difunde ese mesmo día a través da web do programa, para logo emitirse tamén, cada mércores ás 20.00 horas, a través de PontevedraViva Radio. Con Nuria Blanco e Cristina Rocha como presentadoras, ás que se suman os e as responsables das diferentes seccións do programa, o equipo integrado por estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual complétase con tres técnicos, outras tres persoas responsables das tarefas de produción e o equipo responsable da xestión de redes sociais e da xeración de contidos para estas. Neste senso, Fontecoba salienta como unha das novidades desta quinta tempada a posta en marcha dunha canle de Youtube, na que proxectan ampliar a través de diferentes vídeos “os contidos que imos subindo ás redes sociais, como un resumo dos mellores momentos”.

Renóvase o equipo, mantense a estrutura

Técnico de son con experiencia xa no mundo radiofónico, o estudante de Publicidade e RRPP Carlos Martín é unha das novas incorporacións de Radio Escaparte. “A radio é un mundo que sempre me gustou moito”, sinala este alumno, quen destaca o positivo “de ir aprendendo un pouco doutras materias” grazas á convivencia cos e as responsables dos diferentes equipos. “Vivir unha experiencia de radio completa” é así mesmo un dos aspectos destacados por Noelia Lubián, que se incorpora este curso ao equipo de imaxe, o que lle permite á súa vez, sinala, ver de preto como traballan o resto de equipos. “O proxecto é moi bonito e coñeces a máis xente cada ano, que á final son amigos”, engade Nuria Blanco, que tras ser responsable dunha das seccións do programa o pasado curso convértese nunha das presentadoras dun programa polo que pasaron, en anteriores edicións, entrevistados como o escritor Manel Loureiro, a presentadora Carlota Corredera, os directores de cine Andrés Goteira e Nely Regueira ou o humorista Xosé Antonio Touriñán.

Mais, se ben o programa iniciou etapa cun equipo renovado, fíxoo tamén mantendo o esquema de tempadas anteriores, cunha entrevista principal pola que pasaron, nos dous programas emitidos ata o de agora a influencer Rebeca Stones e o músico e locutor dj Charlie, ás que se suman seccións como Falar de rúa, na que un locutor realiza unha serie de “preguntas de cultura xeral” á xente de Pontevedra, ou Chíos e cancelos, dedicada ás “noticias máis comentadas nas redes sociais”, explica Fontecoba. Entre os contidos do programa figura así mesmo un apartado dedicado á axenda, na que se da conta das diferentes actividades previstas no campus á vez que abordan eventos celebrados recentemente; a sección Posdata, na que tres estudantes “falan de arte e comentan noticias menos coñecidas” e un apartado no que dous estudantes de Comunicación Audiovisual abordan as estreas cinematográficas.