DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aumentan as competencias das vicerreitorías de Ourense e Pontevedra e equipáranse

Reordenación na delegación de competencias para unha maior operatividade e aforro

O reitor asume as relacións institucionais dos campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 05/09/2011
Coa finalidade de acadar unha maior operatividade e reducir custos a Reitoría vén de ditar unha resolución que reordena algunhas das delegacións de competencias de varios dos vicerreitores e vicerreitoras que integran o equipo de goberno da Universidade de Vigo. A resolución contempla que competencias atribuídas ata o de agora á vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, sexan asumidas pola vicerreitora de campus que se encargará da coordinación dos grupos de investigación e a realización de propostas de equipamento de centros de investigación, así como das competencias relacionadas con parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas.

A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto de ámbito nacional como internacional e as competencias relacionadas coas cátedras de empresa, son as restantes atribucións que a vicerreitora do campus de Ourense asumirá a raíz da decisión da anterior vicerreitoira de acollerse á prexubilación tras corenta anos de actividade académica. Estas mesmas competencias no ámbito da investigación outórgalle esta resolución reitoral á vicerreitora do campus de Pontevedra.

Ambas as dúas vicerreitorías de campus manterán as competencias de proxección e coordinación da Universidade, mentres que as de representación institucional, que ata o de agora tamén desenvolvían, pasan a ser asumidas polo reitor. As relacións, en representación do reitor, coas institucións e empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e convenios relacionados coas actividades destas seguirán na liña anterior, cando así sexa considerado oportuno polo reitor. Quedan, pois, incrementadas as competencias das vicerreitoras dos campus de Ourense e Pontevedra ao tempo que se equiparan.

Outras modificacións nas delegacións de competencias

A resolución reitoral inclúe outras modificacións na delegación de competencias coas que se pretenden acadar unha maior eficiencia. Así, as competencias relativas aos títulos propios serán asumidas pola Vicerreitoría de Alumnado Docencia e Calidade en lugar da de Organización Académica, Profesorado e Titulacións.

No caso da Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento encargarase das competencias referidas ás publicacións da Universidade de Vigo, ao tempo que se concretan as súas funcións relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, agás os situados no ámbito de influencia dos campus de Ourense e Pontevedra.

Pola súa banda a Vicerreitoría de Extensión Universitaria engade as súas competencias de organización, realización e seguimento dos cursos de extensión ó programa de maiores.