DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades do Foro Universitario de Alumnos de Dereito Estatutario

As repercusións históricas do Couto Mixto centran unha xornada na Facultade de Dereito

Coa participación de Carlos Varela, Luís García Mañá e Francisco Novoa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 24/03/2009

O Estatuto de Autonomía de Galicia di que a organización territorial terá en conta a distribución da poboación galega e as súas formas tradicionais de convivencia e asentamento, xa que podemos falar da existencia dun verdadeiro habeas xurídico público galego creado polas institucións. Partindo desta idea e coa finalidade de incrementar a formación dos estudantes, a Facultade de Dereito acolleu este martes, 24 de marzo, unha xornada do Foro Universitario de Alumnos de Dereito Estatutario, FUADEO, que serviu de punto de encontro para dar a coñecer o Couto Mixto, unha institución galega tan peculiar como significativa.
O Foro foi presentado pola decana da facultade, Inés Iglesias quen destacou que “esta é unha actividade organizada polos propios alumnos o que nos dá unha mostra do seu interese e fai que me sinta moi orgullosa”. Na súa opinión o FUADEO servirá de reflexión nun momento “no que estamos a falar continuamente de cambios de gran importancia e de política territorial”. Ter en conta os referentes históricos no contexto autonómico e analizalos tendo en conta a súa repercusión no momento actual “é un xeito moi interesante de achegarnos ás institucións xurídicas”, concluíu a decana.
Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense, tamén presente na inauguración afondou na importancia desta xornada xa que “cando se fala do Couto Mixto éntrase na procura doutros aspectos do coñecemento máis relacionados coa memoria histórica e cos sentimentos do pobo”.

Un territorio independente

Tras o acto inaugural chegou o momento de falar do Couto Mixto, “unha institución descoñecida por moitos de nós”, comentou a coordinadora do FUADEO, Elena Neira. Os encargados de entrar en materia foron o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela; o presidente do Grupo Academia Postal, Francisco Novoa e o xefe superior da Policía de Galicia, Luis García Mañá, que fixeron un repaso a esta institución comezando polas súas orixes.
Constituído nas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, nos concellos de Calvos de Randín e Baltar, o Couto Mixto “é un feito concreto de tipo histórico que moi ben podería ser o paradigma do que cos anos foi evolucionando e chegou a ser Europa”, indicou García Mañá. Este espazo, formado por tres aldeas funcionou durante séculos de xeito independente, establecéndose como un territorio autónomo perante os antigo reinos de España e Portugal, o que supón a existencia duns privilexios, tanto administrativos como civís. Posuía, ademais, unha auto organización propia de toda Administración Pública e unha estrutura política semellante a que hoxe coñecemos como República. Ademais, o Couto Mixto, posuía unhas características propias especiais fronte a outros territorios como son o dereito de asilo para calquera persoa fuxida da Xustiza da Coroa de España ou Portugal, a exención de impostos ou liberdade de comercio.