DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concerto organizado pola Cátedra Álvarez Ossorio

Un repertorio de composicións populares e panxoliñas anuncian a chegada do Nadal

Contou coa actuación do Coro da Universidade de Vigo e da Banda de Música da Escola Naval

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 22/12/2010

Que mellor xeito de comezar o Nadal que a ritmo de música. O auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra quedou pequeno para acoller a todo o público que se acercou para escoitar e gozar do concerto que organiza a Cátedra Almirante Álvarez Ossorio por estas datas, contando este ano coa actuación do Coro da Universidade de Vigo e da Banda de Música da Escola Naval Militar. O repertorio, caracterizado pola mestura de cancións populares e panxoliñas, entusiasmou aos presentes, que se animaron a cantar as composicións máis coñecidas ao unísono da música.

O concerto de Nadal subiu o pano coa actuación do Coro da Universidade de Vigo, que contou coa colaboración de Jesús Moares ao piano e coa dirección de Nuria Lorenzo. Unha mestura de panxoliñas e bandas sonoras de filmes protagonizou a primeira parte da intervención musical do coro. Así intercalaron as composicións populares Din, Dan, Don e Vinde Galeguiños coas cancións máis coñecidas das películas La Pantera Rosa e Mary Popins, versionadas todas ao galego. Un dos momentos máis esperados foi cando o coro entoou o Supercalifragilísticoexpialidoso, no que todos os presentes se animaron a acompañar a canción.

O Coro Universitario pechou o seu recital cun cambio de rexistro, abandonando as panxoliñas e as composicións musicais de películas pola interpretación de zarzuelas. No mesmo escenario todos os membros do coro se vestiron de 'chulapos' e 'chulapas' para rematar cunha representación teatral musical de El Barberillo de Lavapiés.

Unha fusión de cancións populares e panxoliñas

Pero o momento máis álxido do concerto de Nadal protagonizouno a Banda de Música da Escola Naval Militar coa interpretación das composicións musicais máis populares do panorama español como Clavelitos ou Canta y no llores intercalando ademais as panxoliñas máis famosas do período de Nadal. Esta compilación de temas coñecidos por todos os presentes permitiu que se rompera a barreira do silencio e se decidisen a cantar a dúo coa banda nun alarde de espontaneidade.

O repertorio da banda tamén contou coa colaboración da solista Beatriz Vázquez, interpretando composicións máis calmadas e profundas, que rozaban a emotividade, contrastando coa excitación que supuxeron as cancións populares.