DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un comité da organización visita estes días a cidade

Representantes de 50 países daranse cita en Vigo no Foro da FISU

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 16/10/2009

200 representantes procedentes dun total de 50 países daranse cita en Vigo do 20 ao 26 de xuño para participar no Foro Mundial da Federación Internacional de Deporte Universitario, FISU. Co obxectivo de progresar na organización do encontro estes días visita a cidade unha delegación da Comisión para o Estudo do Deporte Universitario co seu secretario, Claude-Louis Gallien, á cabeza, quen, nunha comparecencia conxunta con responsables da Universidade e do Concello, destacou que “Vigo é a mellor cidade para acoller a plataforma que abordará diversos cambios no deporte universitario".
Para o responsable da FISU o Forum do mes de xuño deberá superar a falta de visión global que predomina na actualidade, así como incorporar transversalidade e valores éticos e de respecto ao medio ambiente. Ao tempo aproveitou a ocasión para salientar a necesidade de pór en marcha iniciativas para impulsar o deporte feminino, xa que as mulleres son maioría na formación universitaria “e é necesario saber o que poden achegar neste proceso de cambio”.
Tras darlle a benvida aos diferentes integrantes da comisión, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, salientou o importante papel que a Universidade debe xogar nos contactos coa FISU. “Cremos nas alianzas que se xeran arredor do deporte, porque conlevan expectativas", explicou, ao tempo que agradeceu, o apoio e a colaboración do Concello de Vigo, e en particular da Tenencia de Alcaldía, "por facer posible o soño dun punto de encontro do mundo universitario o vindeiro ano".

Vigo, referente internacional

Na mesma liña pronunciouse o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, que resaltou a importancia dun foro “que situará á Universidade e a Vigo no mundo deportivo internacional” e que conseguirá “que a cidade sexa referente internacional de acontementos deportivos”. Ao tempo tamén manifestou a súa confianza en que “a Universidade organizará o mellor Forum dos dez que se teñen celebrado ata o de agora. “Agardamos cos brazos abertos a todos os estudantes universitarios e a toda a familia FISU que nos visitarán no 2010. Vigo é a vosa cidade", sinaloulles.
Doutra banda, Gallien destacou a idoneidade deste tipo de evento para calquera cidade, xa que “o deporte pode ter moi boas consecuencias porque está estreitamente vencellado coas necesidades das cidades”. Ademais, aproveitou a ocasión para recordar os problemas que atravesan outros compañeiros da FISU, especialmente en Latinoamérica e Sudáfrica, e asegurou que "teñen depositada moita confianza nos cambios que se produzan tras a celebración en Vigo do FISU Forum".
Pola súa banda, o concelleiro de Deporte, Xabier Alonso, manifestou o seu desexo de que as conclusións do FISU sexan “moi positivas a nivel mundial” e manifestouse encantado dos retos que se lle formulan á cidade “para levar a cabo a celebración do foro”.

*Foto: www.xornal.vigo.org