DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XVII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas

Representantes de 50 universidades debaten sobre como formar un alumnado comprometido cos ODS

Con preto de 200 asistentes, presenciais e virtuais, este foro desenvólvese no mosteiro de Poio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/07/2023

Con case 200 inscritos e inscritas, docentes e investigadores de preto de 50 institucións educativas dunha decena de países, este luns botou a andar no mosteiro de Poio o XVII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas. Dirixido a promover un intercambio de experiencias en torno ás prácticas curriculares e extracurriculares do alumnado universitario, este congreso combina por primeira vez neste 2023 a asistencia presencial e virtual e faino pondo o foco en como estas estadías en empresas ou entidades poden contribuír á formación do alumnado respecto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. “Pareceunos suxestivo, ao tempo que un desafío, tentar responder a como as prácticas externas responden aos retos que supoñen os ODS”, sinala a profesora da UVigo Manuela Raposo, presidenta do comité organizador deste simposio internacional, que promove a Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe), da que forman parte diferentes universidades españolas. 

Despois de que a pandemia obrigase a converter a súa edición de 2021 en virtual, o simposio retornaba nesta xornada ao mosteiro de Poio, que fora desde 1989 sede dun evento bienal, inicialmente ligado ao prácticum nas titulacións de educación e que foi progresivamente ampliando o seu foco de análise, de xeito paralelo á xeneralización das prácticas no ensino universitario. Baixo o título de La formación práctica de profesionales en horizonte de los ODS, a XVII edición deste simposio desenvólvese entre este luns e este mércores e pon o foco, como explica Raposo, en como as prácticas poden contribuír a “unha comunidade universitaria que reflexione e sexa consciente das experiencias e accións que poden contribuír aos ODS”. 

Participación presencial e virtual

Con 108 inscritos e inscritas seguíndoo de xeito virtual e outros 87 que participan de forma presencial, o simposio desenvólvese por primeira vez nunha modalidade híbrida, dirixida a facilitar a participación de docentes e investigadores de América Latina e que foi tamén a adoptada para o acto inaugural celebrado na tarde deste luns. A apertura contou coa participación presencial do alcalde de Poio, Ángel Moldes, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica da UVigo, Patricia Valcárcel; o presidente de Reppe e vicerreitor do campus de Gipuzkoa da Universidade do País Vasco (UPV/EHU); e de Manuel Cebrián, vicerreitor de Campus Virtual e Innovación Educativa da Universidad Internacional de Andalucía (UNIA). Na súa intervención, Valcárcel salientou que a extensa traxectoria deste encontro amosa “o bo facer dos organizadores”, pero tamén a “importancia e a necesidade de seguir profundando” no seu obxecto de análise. A representante da UVigo salientou tamén o acaído do eixe temático desta edición, incidindo en que a Unión Europea, “especialmente sensible” cos ODS, ten posto de manifesto “que existen ámbitos moi relevantes da Axenda 2030 en risco de retroceso”, fronte aos que a educación é “un medio absolutamente crucial”.

O feito de que a promoción dunha educación de calidade é precisamente un deses ODS e o papel das prácticas como unha “ferramenta formativa fundamental”, que permite ao alumnado adquirir tanto competencias transversais como propias de cada titulación foron outros dos aspectos salientados nesto acto inaugural, nas intervencións virtuais de representantes de varias das universidades socias de Reppe. Concretamente, neste acto participaron tamén María José Lombardía, vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da Universidade da Coruña; Rafael Ventura Fernández, vicerreitor de Innovación Social e Emprendemento da Universidade de Málaga; Carmen Gálvez, vicerreitora do Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña da República Dominicana; Jesús Soret, delegado da reitora para o Emprego e as Prácticas da Universitat de Valencia; Fernando Tapia, vicerreitor de Estudantes e Empregabilidade da UPV/EHU, e Francisco J. Fraga, vicerreitor de Organización Académica e do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Todos eles, ademais de pór o foco na importancia dos ODS, referíronse ao momento de “incerteza” que viven as prácticas curriculares e extracurriculares, motivados polos cambios normativos polos que o alumnado deberá pasar a ser dado de alta na Seguridade Social, e reivindicaron o carácter formativo desta actividade. 

Conferencias, debates e talleres

Tras o acto inaugural, o congreso arrancou coa conferencia Las prácticas externas y la gestión de la incertidumbre desde la CRUE, a cargo da responsable do grupo de emprego desta conferencia de reitores e vicerreitora de Estudantes e Emprego da Universidad de Murcia, Alicia Bañón. Esta primeira xornada complétase cunha mesa redonda sobre experiencias de prácticas conectadas cos ODS, na que intervén a directora xeral de Políticas contra la Despoblación do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, Juana López Pagán, que presenta a experiencia do programa Campus Rural. Xunto á representante do Goberno central, a mesa complétase coas achegas de José María Velarde, da Fundación ONCE, e Nieves García, da Universidad de Zaragoza  

Tras a asemblea da Reppe, a xornada do martes abrirase coa presentación dun estudo comparativo sobre o prácticum en Estados Unidos, Corea e España, nunha conferencia de Monika Ciesiełkiewicz,da Sookmyung Women's University de Seul. Tanto nesta xornada como na do mércores desenvolveranse tamén as presentación de comunicacións, nas que se exporán os 72 estudos de investigadores e investigadores de diferentes países que foron seleccionados polo comité científico, así como unha serie de talleres, presenciais e virtuais, que permitirán afondar en aspectos como o acompañamento dos titores académicos nas prácticas, en ferramentas para a súa avaliación e seguimento ou en como xerar proxectos relacionados co territorio no marco da Axenda 2030.

A xornada do martes completarase cunha conferencia da directora de emprego de Universia, Beatriz Sevillano, e cunha mesa redonda dirixida a achegar unha visión internacional sobre a formación práctica, coa participación de representantes da Escola Superior de Educación Paula Frassinetti portuguesa, a Universidade de Colonia e a Universidad Nacional de Educación do Ecuador. Por último, o mércores terá lugar a mesa Miradas encontradas sobre las prácticas externas del estudiantado, na que intervirá alumnado de diferentes titulacións, e a conferencia de clausura, impartida por Miguel A. Zabalza, da USC, e centrada tamén nesta relación entre as prácticas e a Axenda 2030.