DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola recibiu a visita da portavoz nacional, Ana Pontón, e do alcalde, Miguel A. Fernández Lores

Representantes do BNG interésanse pola investigación sobre prevención de lumes e protección do patrimonio da EE Forestal

O encontro abriuse cun minuto de silencio polas vítimas do naufraxio do ‘Villa de Pitanxo’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/02/2022

Seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto Paleointerfaz ten como obxectivo central o desenvolvemento de ferramentas e estratexias de xestión integrada que contribúan, conxuntamente, á prevención de incendios forestais e á protección de xacementos arqueolóxicos como os petroglifos. Coordinado desde a EE Forestal, coa profesora Julia Armesto como investigadora principal, este proxecto estatal centrou en boa medida o encontro que responsables e docentes da escola mantiveron este mércores cunha serie de representantes do BNG, entre os que se atopaba a súa portavoz nacional, Ana Pontón, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Encontro que, como lembraron os representantes políticos, víase marcado pola “consternación” provocada polo afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo en Terranova, abríndose de feito cun minuto de silencio en memoria dos falecidos nesta traxedia.

Nese senso, as “mensaxes de apoio e a solidariedade” ás familias nunha “xornada de loito”, como sinalou Pontón, centraron tamén unha visita que, como salientou o director da EE Forestal, Juan Picos, constituía unha “boa oportunidade” para dar a coñecer o traballo de investigación que se desenvolve na escola. “Como centro público de formación e investigación, o noso obxectivo é devolverlle á sociedade o maior valor engadido, en forma de persoal formado e capacitado e de resultados de investigación que permitan que Galicia sexa cada vez un mellor lugar onde vivir, en harmonía co medio natural, que é a nosa razón de ser”, subliñou Picos. A esa idea trata de responder Paleointerfaz, que busca contribuír a “un medio rural e forestal máis ordenado e resiliente antes as ameazas climáticas”, en especial, ai rusci cada vez "moito maior" de sufrir grandes incendios forestais. Este proxecto ten como punto de partida a análise da vaga de lumes de 2017 que a escola levou a cabo ao abeiro dun convenio coa Deputación de Pontevedra, explicou Picos, mentres que Pontón destacou que “é fundamental ter un maior coñecemento do territorio e dos incendios” e trasladou o seu “recoñecemento” á escola e a unha liña de traballo “que permite abordar algo moi imporante, como a protección do patrimonio pode ser tamén un elemento de protección fronte aos lumes”. Nesa mesma liña, Fernández Lores subliñou que se trata dun “proxecto que nos ten que dar moitas claves de como podemos, investindo diñeiro público e cun coñecemento profundo dos datos e das masas forestais, tratar de evitar estes incendios”, que ten á fronte “unha escola da que estamos orgullosos”. 

No encontro participaron tamén a portavoz parlamentaria de política forestal do BNG, María Albert, e os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña.