DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cidade acolle esta semana por primeira vez unha reunión da asociación Cesed

Representantes dunha vintena de universidades participarán en Pontevedra na asemblea de estudantes de Ciencias da Educación 

Precedida por unha xornada formativa para o alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/11/2022

Entre este xoves 10 e o domingo 13 de novembro, Pontevedra exercerá por primeira vez como sede da Asamblea General Ordinaria da Asociación Nacional de Estudiantes de Educación y Formación del Profesorado (Cesed), colectivo que ten como propósito central a representación do estudantado das diferentes titulacións do ámbito da educación. Preto de 45 representantes do alumnado, procedentes de preto dunha vintena de universidades españolas participarán nesta XXII asemblea, que terá como sedes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o Pazo da Cultura e que foi organizada pola Delegación de Estudantes deste centro do campus pontevedrés. A asemblea verase precedida á súa vez polas xornadas formativas que a facultade acollerá este mércores, dirixidas a ampliar a formación do alumnado sobre diferentes aspectos transversais relacionados co seu futuro labor como docentes.

Coordinada polas membros da Delegación de Estudantes Zeltia Augusta Pino e Carmen Maciñeiras, estes dous eventos foron promovidos coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o Concello de Pontevedra. Coa participación de membros das delegacións estudantís de preto dunha trintena de facultades e escolas dunha vintena de universidades españolas, esta Asamblea General Ordinaria abrangue á súa vez unha serie de mesas de traballo e unhas xornadas formativas de representación estudantil. 

Unha asociación que representa estudantes de catro graos

Con máis de dez anos de traxectoria, Cesed é unha asociación xuvenil de representación do alumnado dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria, Pedagoxía e Educación Social, así como dos diferentes posgraos relacionados con estes ámbitos, que ten como obxectivo principal “crear un espazo común onde todas e todos os estudantes poidan intercambiar experiencias, crear propostas de mellora e xerar puntos de encontro, debate e opinión para loitar por unha mellora na calidade formativa das titulacións representadas e por un futuro mellor para a educación”, como sinalan desde a organización desta asemblea. Actualmente presidida polo egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte David Álvarez, entre os propósitos da asociación atópase tanto representar o colectivo estudiantil ante as diferentes institucións e estudar as súas problemáticas, como intervir “nos conflitos que afecten á educación e os seus estudantes” ou “promover e defender unha educación de calidade”.

A asemblea celebrará na tarde do xoves 10 o seu acto inaugural, coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pero iniciará xa o mércores unhas xornadas formativas dirixidas a mellorar a formación dos delegados participantes. O primeiro destes talleres, explica Maciñeiras, estará centrado na “xestión de grupos” e correrá a cargo do tamén egresado da facultade Matías Zelayarán, mentres que nos seguintes días as e os asemblearios ampliarán a súa formación en aspectos “como o emprego das redes sociais para o fomento da representación ou sobre como realizar emendas aos diferentes documentos”, completándose esta parte formativa cun taller de “xestión emocional”, dirixido a abordar “como xestionar a frustración e a carga de traballo”, apunta Maciñeiras, que ás veces pode supor a representación estudantil, impartido pola profesora da facultade Martina Ares.

De xeito paralelo, a asemblea acollerá tamén unha serie de mesas de traballo, nas que as e os integrantes das diferentes comisións da Cesed presentan e debaten os documentos que elaboraron nos últimos meses. Concretamente, nesta XXII asemblea estas mesas estarán centradas na posta en valor do papel das mestras na historia da educación, nas prácticas universitarias este ámbito, no papel que a educación social e a pedagoxía xogan no sistema educativo e no propio funcionamento da web da asociación. Así mesmo, o encontro contará o xoves coa participación de representantes da Conferencia de Decanos de Educación, nunha mesa que porá o foco na reforma da profesión docente.

Xornada previa na facultade

A asemblea verase precedida, o mércores 9, por unhas xornadas formativas dirixidas ao alumnado da facultade que buscan “abordar contidos transversais ligados á súa formación como futuros docentes”, como salienta Pino. Esta actividade abrirase con tres talleres simultáneos, para os que é precisa inscrición previa, dirixidos a afondar en cuestións relativas á educación musical, a creatividade e a organización de aulas temáticas e a educación física. Tras estes obradoiros, a actividade continúa con dúas mesas abertas ao público. A primeira, ás 13.00 horas, estará centrada na influencia de literatura no desenvolvemento da infancia e contará coa participación da xornalista e escritora Eva Mejuto e da profesora da facultade Eulalia Agrelo. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, este foro completarase cunha mesa sobre modelos urbanísticos pensados para a infancia, na que intervirán o director da Área de Urbanismo do Concello de Pontevedra, José Manuel Tato, e o psicólogo e profesor da facultade Rubén Domínguez.