DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun foro que ten lugar no campus de Pontevedra, combinando a asistencia presencial e virtual

Representantes de máis de 40 universidades debaten na UVigo como mellorar a implantación da Lei de Convivencia 

As diferentes propostas reuniranse nun documento final

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/05/2023

A aprobación, o pasado ano, da Lei de Convivencia Universitaria obrigou ás diferentes institucións académicas españolas a aprobar nos últimos meses unha serie de modelos e normativas que este xoves e venres son analizadas por representantes de máis de 40 universidades, no II Fórum de Convivencia e Mediación Universitaria. Promovido pola Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), a Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, da Universidade de Vigo e o Centro Internacional Interuniversitario de Estudios de la Paz, la Mediación y la Convivencia da Universidad de La Laguna (Cipameco), este foro desenvólvese na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, coa participación, presencial e virtual, de preto de 60 representantes de universidades de toda España. A través de diferentes mesas de traballo, este evento ten como principal obxectivo elaborar un documento con propostas de mellora para a implantación nas institucións académicas da devandita Lei 3/2022 do 24 de febreiro.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos, Francisca Fariña, e a presidenta da Cuemyc, Leticia García Villaluenga, inauguraron na tarde deste xoves a segunda edición dun foro que, maioritariamente de xeito virtual, reúne tanto responsables de unidades de convivencia e mediación ou defensores universitarios, como representantes doutro tipo de órganos “que teñen tamén que xestionar conflitos”, como salientou Fariña. A través de conferencias e mesas de traballo, este encontro ten como propósito central “debater os modelos e normativas que se están aprobando” para á aplicación da lei, especificamente no referido “á composición e funcións das comisións de convivencia”, como é o caso da Comisión de Convivencia e Bo Goberno da UVigo. Ao mesmo tempo, sinala esta catedrática, outro dos focos de análise é “como se levarán a cabo os procesos de mediación, dos que tamén fala a lei”, un ámbito no que, explica, “a Cuemyc é moi partidaria da creación de unidades específicas de mediación e convivencia”, como é o caso da Unidade de Resolución Positiva de Conflitos e Convivencia (ConviveUVigo).

Nun acto de apertura no que se puxo de relevo que “unha das funcións da universidade é ser un modelo para a sociedade”, Reigosa recalcou a necesidade de que “das nosas aulas salgan persoas educadas en igualdade e en que os conflitos se resolvan de forma positiva”. De aí que o reitor incidise en que, alén de que institucións como a UVigo xa teñan en marcha “todas as ferramentas que están dispostas na lei”, é necesario estar “moi atentos” ás conclusións que salgan dun “evento moi importante”, co propósito de que as institucións académicas leven a cabo “un traballo de mediación e convivencia que poida permear á sociedade”.

Que se fixo e que queda por facer

Dirixido por García Villaluenga, Fariña e o director do Cipameco e secretario xeral da Cuemyc, Manuel Rosales, este II Fórum de Convivencia e Mediación Universitaria dá continuidade ao desenvolvido o pasado ano na Universidad de La Laguna, que se centrou tamén nas implicacións dunha lei que, como lembrou a presidenta da Cuemyc, “moitas universidades estaban esperando como auga de maio”, xa que viña a substituír un regulamento do ano 1954. Dirixida a “potenciar a convivencia universitaria”, este novo marco normativo, lembrou, obrigou ás universidades a “desenvolver as súas normas de convivencia”, eixe central deste segundo foro. “O que fixemos o ano pasado foi ofrecer un documento para que as universidades puideran desenvolver mellor esta lei e o que queremos esta vez é ver que ocorreu, como se foron desenvolvendo estas normas de obrigada implantación”, subliñou a tamén directora do máster en mediación da Complutense. “Digamos que, dende o marco normativo que temos, imos traballar sobre que estamos facendo na práctica as universidades, que retos temos para a convivencia, que pasos demos e cales temos que dar”, concluíu a presidenta da Cuemyc.

Con ese propósito, o encontro ábrese na tarde deste xoves cos relatorios do investigador da Universidad Autónoma de Madrid Carlos Giménez e dos propios García Villaluenga e Rosales, para logo acoller unha mesa de traballo sobre a implantación da lei, na que interveñen representantes de diferentes institucións académicas. Xa o venres, o foro continúa cunha mesa centrada na elaboración dun documento de propostas de mellora que, como explica Fariña, “enviarase a todas as universidades españolas, públicas e privadas”, para pecharse cunha mesa de presentación de conclusións. 

A controversia “é inevitable e posibilita o crecemento das persoas” 

A apertura deste foro viuse precedida por un encontro dirixido a “analizar a conflitividade na Universidade e expoñer xeitos de facilitar a xestión axeitada dos conflitos e controversias”, sinalou Fariña, que lembrou que “os conflitos forman parte da vida” e, polo tanto, tamén das universidades. “A idea non é erradicar a controversia, porque esta é inevitable e posibilita a mellora e o crecemento das persoas cando se xestiona ben, senón evitar as crises de convivencia”, subliña a tamén responsable de ConviveUVigo.

Coordinado por García Villaluenga, este encontro desenvolveuse baixo “a metodoloxía participativa do world café”, que, explica, “traballa coa intelixencia colectiva e coa creatividade”, co propósito de xerar un “coñecemento conxunto” a través dunha serie de “preguntas estratéxicas”. Coa participación de representantes dos equipos decanais de diferentes centros do campus, do persoal e do alumnado, de grupos de investigación e do servizo de prevención de riscos laborais, este encontro buscaba que as e os participantes fosen sumando ás súas ideas a unhas follas de grandes dimensións, que serviron finalmente como “testemuño final” da actividade. “Como é unha metodoloxía que dá voz a todas as persoas convocadas, o que nos interesaba era identificar os tipos de conflitos que se están dando nas universidades, formular preguntas estratéxicas que sirvan como detonante a unha reflexión compartida”, engadiu a presidenta da Cuemyc.