DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun debate organizado polo Decanato e a Delegación de Alumnado de Dirección e Xestión Pública

Representantes políticos debaten sobre educación e xuventude no campus de Pontevedra

Participaron candidatos de PP, BNG, PSOE, Sumar e Podemos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/02/2024

Na xornada previa ao peche da campaña das eleccións autonómicas deste domingo 18 de febreiro, a Facultade de Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés acolleu un debate electoral, que tivo como eixe central as propostas dos diferentes partidos en materia de educación, xuventude e emprego. Promovido polo Decanato e a Delegación de Alumnado da facultade, coa colaboración do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, neste debate participaron integrantes das candidaturas pola provincia de Pontevedra dos partidos sinalados como representativos e significativos pola Xunta Electoral. 

Aberto tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía e moderado polo profesor Celso Cancela, o debate contou coas intervencións de Miguel Fidalgo (PP), Paulo Ríos, (BNG), Xulio Torrado (PSOE), Ramón Sarmiento (Sumar) e Antía Fernández (Podemos), aos que tanto a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, como o decano, Enrique Varela, agradeceron a súa disposición a tomar parte nesta actividade, coordinada polo profesor Fernando Martínez. “É un pracer telos aquí e que poidan debater e dar a coñecer os seus programas”, salientou Lantarón, mentres que Varela agradeceulles “o esforzo por estar aquí a un día do peche de campaña”. De aí que o decano incidise tamén en que a súa presenza “lexitima o papel da Universidade, non só como xeradores de coñecemento, senón tamén na parte social e institucional que temos que desenvolver”.

Dous bloques de intervencións

Baixo o título de As propostas dos partidos políticos sobre educación, formación e empregabilidade, o debate, que puido seguirse tamén de xeito virtual a través de Campus Remoto, estruturouse en dous bloques, no que cada candidato ou candidata podía intervir por un tempo máximo de cinco minutos, completándose posteriormente coas preguntas que as e os asistentes trasladaron aos representantes das distintas formacións. O primeiro bloque de debate, como explicou Cancela, estivo centrado na “política xeral”, mentres que o segundo buscaba pór o foco nas propostas das diferentes formacións en materia de “formación, empregabilidade, educación e xuventude”.

Cunhas quendas de intervención “ordenadas de maior a menor representación”, este segundo bloque abriuse coa intervención de Miguel Fidalgo, quen en materia de emprego xuvenil, salientou “que o número de ocupados menores de 30 anos aumentou un 11%” en Galicia en 2023, á vez que destacou a proposta de “estender a gratuídade da educación ao nivel universitario”. A continuación, Paulo Ríos alertou da “emigración xuvenil forzosa por falta de oportunidades neste país”, que supón unha perda “de coñecemento e riqueza” e avogou por impulsar un “plan de emprego xuvenil” e por facer de Galicia “un polo de investigación”. En terceiro lugar, Xulio Torrado afirmou que “o factor que mellor explica o rendemento dun alumno” nas diferentes etapas son “os cartos da súa familia”, polo que, sinalou, “necesitamos igualar as oportunidades”, propondo a “primeira matrícula gratis de grao e de máster”. Ramón Sarmiento, pola súa banda, puxo o foco “na realidade á que se enfronta á mocidade” o que levouno a incidir na necesidade de “mellores salarios” e en que poidan contar “unha vivenda accesible a través da promoción pública” e cunha “mobilidade barata e sostible”. Finalmente, Antía Fernández defendeu un “acceso ás universidades totalmente gratuíto” e a derrogación da lei galega neste ámbito, “por favorecer a creación da universidades privadas”, así como un “férreo compromiso coa investigación para favorecer a sostibilidade do emprego neste sector”.