DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presidenta da cámara galega clausurou o ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossorio 2011-2012

A representatividade, “a esencia” das democracias parlamentarias

Sinalou que este órgano é o que mellor canaliza a participación da cidadanía na política

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 28/05/2012

“A función representativa dun parlamento é a súa esencia, o seu ethos, algo que vén dado pola súa propia natureza”. Con estas palabras. a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, clausurou o ciclo de conferencias 2011-2012 da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio, impulsada pola Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín. Presentada polo director da cátedra, Rafael Ceñal Martínez e acompañada polo director da escola, Marcial Gamboa e pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, a presidenta da cámara galega afondou no carácter democrático do parlamento, “foro público e lexitimado” ao servizo da cidadanía.

Nunha conferencia titulada O Parlamento e a súa función representativa, Pilar Rojo fixo alusión aos principais elementos que fan da cámara “unha poderosa vía para canalizar os desexos de participación e de debate para encontrar solucións aos retos pendentes”. Segundo Rojo, un parlamento será democrático se cumpre tres requisitos. Por unha banda, dispor dun sistema electoral “que recolla as preferencias do cidadán”; facer efectivas as funcións lexislativa, orzamentaria e de control e, por último, exercer dende unha posición independente ao poder executivo, “sen sucumbir ás presións que poida exercer”.

Para a presidenta da cámara galega, un parlamento debe ser sinónimo de pluralismo, participación, transferencia e garantía dos dereitos humanos e “hoxe máis que nunca o parlamentarismo debe ser unha boa guía para construír políticas públicas próximas á cidadanía”, concluíu Rojo, manténdoo actualizado e adaptado ás esixencias do presente.

Percorrido polas orixes parlamentarias

Ao longo da súa intervención, a convidada repasou as orixes do parlamentarismo, dende as asembleas estamentais medievais, pasando polos organismos do século XV e XVI “cun poder moi reducido pola imposición das cortes absolutistas” ata chegar aos parlamentos modernos, que nacen da man dos movementos liberais do século XVIII. Non obstante, “non se pode falar de órgano democrático ata finais do século XIX, cando aparece o sufraxio universal e representa a toda unha comunidade, e non só aos privilexiados e aos estamentos”.

Para explicar a organización interna dun parlamento, Pilar Rojo botou man dos exemplos máis próximos, das Cortes Xerais e do Parlamento de Galicia, referíndose a eles como os herdeiros políticos que “afianzaron os modernos sistemas constitucionais, ancorados no pleno respecto aos dereitos fundamentais”. Aproveitou a súa intervención para debullar os principais dereitos e deberes dos deputados, como a inviolabilidade ou a inmunidade ou o réxime de incompatibilidades co cargo. Trátanse, en palabras de Rojo, “de prerrogativas funcionais que serven para garantir a independencia das cámaras e non de privilexios persoais”.