DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resaca das Letras 2010 congrega a creatividade galega máis social e emocional

Hoxe interviron os membros dos coñecidos estudos Cenlitrosmetrocadrado e Dedominiopublico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 12/05/2010

O ciclo Resaca das Letras bota a andar de novo e sumando xa a súa sexta edición para celebrar de forma anticipada, malia o seu nome, o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Uxío Novoneyra. Organizado polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, ten como obxectivo poñer en valor a creatividade galega e en lingua galega. Como comentou o coordinador do evento, Héctor Anllo, mentres que a temática do ano pasado estivo centrada no traballo en webs, desta volta optouse polo deseño desde unha perspectiva máis ampla. Foron así Manuel del Río e Ricardo Tubío, deseñadores industriais e membros do estudo Cenlitrosmetrocadrado, os encargados abrir a programación para falar dun deseño cunha clara orientación humanista e que atenda, alén da súa función práctica, aspectos emocionais e sociais.
Encargouse de presentar aos dous relatores o profesor Alberto Dafonte, que quixo tamén destacar o traballo de Benigno Fernández Salgado, profesor de Lingua Galega no centro, na posta en marcha deste ciclo e o “mérito” de que agora xa estea desenvolvido integramente por estudantes. Con relación a Cenmetroslitrocadrado salientou a calidade do seu traballo, “no que poñen toda a súa alma como se fose o último que van facer”.

Deseño gráfico, de produtos e de espazos

No transcurso da súa intervención, Del Río e Tubío amosaron os seus proxectos máis recentes para exemplificar a amplitude do traballo que desenvolven, que vai dende o deseño gráfico e a creación de imaxe de marca, ata a elaboración de produtos e o deseño de espazos. A nova imaxe de Berrogüetto e do seu último disco, Kosmogonías, así como pezas de mobiliario urbano, o café-bar compostelán Témpora, a campaña Ter é manter do Consorcio de Santiago ou a sinalización da ruta A Pedrachán ao carón do río Traba en Noia son algúns deses proxectos.
Con relación ao proceso de traballo os dous deseñadores remarcaron a importancia de formar equipos multidisciplinares e de realizar un estudo previo de todos os elementos a ter en conta antes de lanzarse a crear algo. “É fundamental facer unha análise para non comezar cunha folla en branco”, dixo ao respecto Manuel del Río. Engadiu como fórmula útil a de “dividir os grandes problemas en problemas máis pequenos para resolvelos pouco a pouco e acadar unha forma conxugada”.

Creación de portfolios en deseño

Deseguido falou Marcos Dopico, socio do estudo Dedominiopublico e profesor da Facultade de Belas Artes e de Esdemga, nunha conferencia titulada A creación de portfolios na contorna do deseño. Relatou a súa experiencia a partir da materia que imparte no Grao en Deseño Textil e Moda, na que os estudantes teñen que realizar un portfolio que recolla as pezas creadas nos seus anos de estudo. “O portfolio é a súa carta de presentación para empresas, premios ou certames, polo que a miña materia é como un curso acelerado de deseño gráfico para recoller ben a obra feita”, sinalou. Malia que o seu alumnado ten un perfil moi específico, considera que a metodoloxía de elaboración dun portfolio é aplicable para as creacións que se realizan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A Resaca das Letras continúa mañá coa participación de Pedro Silva, que tratará a evolución das redes sociais en Galicia, e Anxo López, que falará do off design.