DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A gala foi conducida por Gonzo, coñecido como reporteiro de Caiga Quien Caiga

Resaca das Letras pecha a súa edición de 2009 coa entrega dos seus premios

Entre os gañadores, as webs do Consello da Cultura Galega, Rei Zentolo ou blogaliza.org

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 13/05/2009

Música, entretemento e unha reflexión sobre a profesión do publicista, a cargo de Miguel Conde, puxeron o broche final á edición de 2009 de Resaca das Letras. O xornalista Gonzo, coñecido polo seu labor de reporteiro para o programa Caiga Quien Caiga, foi o condutor dunha gala na que se entregaron os premios do concurso de webs galegas e dos traballos dos alumnos do campus. O evento estivo amenizado polas actuacións de The Noisers e MLK.
Conde compartiu cos estudantes a súa “visión circular do márketing, da publicidade e da mesma vida” e indicoulles que “saber onde estamos e cara a onde queremos ir” é a primeira decisión que teñen que tomar na súa vida profesional. Nese proxecto, o presidente de BAP&Conde convidounos a xestionar a súa vida “como unha marca, a única pola que nunca podedes deixar de traballar”. Logo deste pequeno achado, o publicista comentou cos presentes no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que a publicidade “é unha influenza positiva para o mundo”. Unha afirmación sustentada no feito de que “a comunicación é un elemento constitutivo do home”, que precisa sinais que o guíen. Como colofón á súa intervención, Conde tamén quixo expresar o seu “combate radical” contra a idea de que a publicidade é un engano, porque “non se pode enganar se algo vai firmado”, indicou.
Tamén houbo momento para a entrega do galardón ás sete webs que venceron en cadansúa categoría. O Consello da Cultura Galega foi merecedora da distinción por partida dobre: como mellor web institucional e o seu espazo Mega, como mellor web musical. As prendas coloristas e desenfadadas de Rei Zentolo, ou máis ben a súa presenza na rede, recibiron o premio na categoría de web empresarial e corporativa; mentres que blogaliza.org, foi votada como a mellor web cultural. No apartado de blogs, o espazo Vespadicto recibiu a acreditación como vencedor de RdL’09, o mesmo que a axencia publicitaria Mabel Aguayo. O experimento en colaboración con Google para limitar as buscas a referencias galegas, Jujel.es, resultou vencedor na categoría informativa e xa o destaca na súa páxina de inicio. As webs situadas en segundo e terceiro posto nas votacións realizadas polos internautas tamén recibiron o seu galardón.

Premio ao traballo (ou non) dos alumnos

Resaca das Letras 2009 tamén prestou especial atención ao traballo dos estudantes do campus e premiou algúns dos seus traballos. A organización convocara tres categorías distintas: cartaz, traballo de curso e creación audiovisual, aínda que finalmente só se entregaron os premios desta última xa que nas outras dúas ou non houbo participación ou non tiña a calidade esixida. Dúas materias “pendentes para setembro”, como bromeou Gonzo. O primeiro premio no apartado de creación audiovisual foi para Valle, un traballo realizado por un grupo de primeiro de Publicidade (Isabel Pérez, Lucía Nogueira, Ana García, Andrés Pascual, Adriana Vázquez e Natalia Cabelo). O segundo foi para Humor galego, de Daniel Hernández, alumno de terceiro curso; mentres que o último caeu nas mans de Sandra González, Cristina del Canto e Adelina Dopico, autoras de Como ser ghallegho.