DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O bibliotecario da UVigo Manuel Velasco afonda na obra 'Petrocalipsis' de Antonio Turiel

Reseñas 30 reflexiona sobre a crise enerxética global e como (ou non) se vai solucionar 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/02/2023

Sostén Antonio Turiel Martínez, físico e científico do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no Instituto de Ciencias del Mar de Barcelona, onde traballa na observación por satélite dos océanos e na análise de recursos naturais, que nos plans de descarbonización anunciados polos responsables políticos da transición ecolóxica hai “certos puntos escuros”, que nos abocan a “un modelo megalomaníaco, tremendamente destrutivo e contaminante”. Turiel é o autor de Petrocalipsis. Crisis energética global y cómo (o no) la vamos a solucionar, a obra sobre a que o bibliotecario da UVigo Manuel Velasco Graña reflexiona no Reseñas 30, correspondente aos meses de febreiro e marzo de 2023.

Velasco parte da cita “xamais sairemos desta crise. Non, polo menos dentro do esquema económico e social do que nos dotamos” de Turiel, para repasar a obra Petrocalipsis, que comeza cada un dos seus capítulos coa frase “por que non”, para deixar claro que “moitas das cousas que estamos a facer agora mesmo non representan a solución aos nosos problemas nin, previsiblemente, o farán nunca”. A recensión analiza os problemas do petróleo, que en 2028 acadou o cénit de produción, o temido peak oil. Aínda que a produción de cru convencional tocou fondo entre 2005 e 2006, Velasco, lembra que, entre este período e 2018, a produción se compensou cos crús convencionais, é dicir, o petróleo proveniente dos líquidos do gas natural, biocombustibles, petróleos de augas profundas, bituminosos e o procedente do fracking.

Non podemos manternos só con renovables

Tras repasar a situación na que se atopan outras fontes como o gas, o carbón, a enerxía nuclear, o texto de Velasco, sinala, en canto ás renovables, “que non nos podemos manter só con elas e o aforro e a eficiencia só nos poden salvar dunha situación de racionamento forzoso, e a asunción destas medidas significará a imposición de algo máis drástico se cabe: o fin do capitalismo”. En canto á economía do hidróxeno, o autor do Reseñas 30 sinala que Turiel no seu libro apunta a ela como “unha boa idea xa que se poderían utilizar os excedentes de produción das renovables e obter así un combustible que servise para mover todo tipo de maquinaria pesada. Encima, a queima de hidróxeno produce soamente auga, co que non é en absoluto contaminante e a auga recíclase por si mesma. Non obstante, a economía do hidróxeno non ten ningunha implantación”, explica.

O libro de Turiel afirma no derradeiro capítulo que “non sairemos nunca desta crise”, porque, para o científico, o problema é o capitalismo, “ou para ser máis precisos, a necesidade de continúo crecemento económico inherente ao sistema”. Conclúe Petrocalipsis. Crisis energética global y cómo (o no) la vamos a solucionar afirmando que cómpre saír á rúa a explicar o problema real. Unha vez debatido o asunto, sinala a obra de Turiel, chegariamos á conclusión de que fai falta adaptarnos a unha contorna de decrecemento forzado e comezaríamos a falar de como chegar a unha nova sociedade que poida xerar emprego e benestar sen necesidade de crecemento.

A recensión de Velasco remata lembrando que o pasado mes de xaneiro de 2023 no cumio de Davos, o secretario xeral da ONU, António Guterres, acusou ás multinacionais dos combustibles fósiles de mentir sobre o impacto do seu negocio no clima planetario. “Se xa sabemos que o zume do capitalismo é o responsable do desastre, estamos moito máis preto de saber que isto só se arranxa cambiando o sistema. É hora de cuestionar o paradigma capitalista. Para evitar outros problemas fagámolo tendo en conta os datos científicos”, afirma Velasco.