DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca de Torrecedeira multiplica as actividades propostas para outubro

'reseñas.2' busca este mes ‘o mundo que queremos’

Esta semana inaugurouse a exposición 'Rebeldes e transgresoras'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 18/10/2018

Continúan os labores de promoción e dinamización da lectura para toda a comunidade universitaria  na Biblioteca de Torrecedeira. Este mes o persoal da biblioteca organiza actividades para todos os gustos, xa que nesta ocasión, a reseñas.2 hai que sumar tamén a exposición Rebeldes e Transgresoras en homenaxe ás mulleres escritoras e que pode visitarse ata o vindeiro día 30.  O libro escollido na segunda achega de reseñas é Decir NO no basta: contra las nuevas políticas del shock por el mundo que queremos (2017), escrito pola economista, activista e xornalista Naomi Klein e no que a autora fai unha crítica contra as políticas do actual presidente de Estados Unidos, Donald Trump,e describe parte da política mundial ao tempo que amosa como se pode acadar o mundo que, ao seu xuízo, precisa a humanidade.  

Decir NO no basta

O recuncho de reseñas.2 conta con expositores e instalacións explicativas nas que se poden ver libros, imaxes de actualidade, pancartas... relacionados coa temática do mes “para ambientar o lugar e chamar a atención de toda a comunidade, xa que é unha biblioteca moi concorrida por estudantes de diferentes titulacións”, afirma Aser Fernández Rey, técnico especialista do centro e un dos principales impulsores desta iniciativa. Ademais deste espazo físico, a biblioteca promove tamén numerosas actividades en diferentes redes sociais como Instagram, plataforma na que están a acadar unha alta participación e implicación por parte da comunidade universitaria, xa que vincula dunha forma lúdica o afán pola lectura cos formatos dixitais como vídeos e imaxes. "Estamos a mover bastante o tema das redes sociais, pois pensamos que tamén axudan a “estimular a curiosidade e a inquietude pola actualidade, a investigación e a cultura a través dos libros”, apunta Fernández Rey. 

En redes, precisamente, publicaron xa o calendario cos títulos dos libros de lectura propostos ata fin de ano. Para o mes de novembro o título elixido é El filtro burbuja: como la red decide lo que leemos y lo que pensamos (2017), un libro  de Eli Parisier co que chamar a atención sobre o poder crecente dos intermediarios da información, cuxas regras non sempre son visibles. A cuarta recensión, prevista para decembro, afondará na obra En defensa de la conversación: el poder de la conversación en la era digital, un estudo sobre as inquietantes consecuencias da cultura dixital en diferentes aspectos da nosa vida como a educación, a contorna profesional, as relacións sentimentais ou a política.  Para o comezo de ano esperan propostas de novos títulos pois “estamos abertos a suxestións por parte  de toda a comunidade universitaria”, recalcan desde a organización.

Escritoras Rebeldes e transgresoras

Xunto ao espazo reseñas, a biblioteca acostuma tamén organizar numerosas exposicións temáticas de acordo coas datas de interese anual no relativo á lectura e á escritura. As exposicións comezaron o ano pasado e están a ser todo un éxito na participación e interese suscitado dentro da comunidade universitaria, actividades coas que pretenden “amosar ferramentas que permitan ampliar a información, o coñecemento e, a súa vez, partillalos  dentro e fóra da comunidade universitaria”, afirma Aser F. Rey.

Co gallo do Día das Escritoras, que celebra a Biblioteca Nacional de España o 15 de outubro, o centro programou para este mes a exposición bibliográfica ‘Día das escritoras- Rebeldes e Transgresoras’ que conta con máis de 80 exemplares das autoras seleccionadas pola BNE que pode visitarse ata o vindeiro día 30.

O Día das Escritoras é unha conmemoración xurdida por iniciativa da Biblioteca Nacional, a Asociación Clásicas e Modernas e a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (Fedepe), que busca reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras.