DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio asinado coa Deputación provincial de Ourense

Residentes no estranxeiro de nacionalidade española poderán completar os seus estudos no campus

A iniciativa conta tamén co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 03/05/2010

Facilitar a mobilidade de estudantes descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois e tamén de persoas de nacionalidade estranxeira para que poidan cursar estudos de grao e de mestrado no campus de Ourense. Este é o obxectivo fundamental do convenio para a posta en marcha do programa de bolsas de mobilidade Ourense no exterior que veñen de asinar este luns o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar. A iniciativa insírese dentro do interese común que teñen ambas as dúas institucións de promover a vinculación das persoas descendentes de emigrantes españois coa súa terra de orixe e de fomentar a proxección internacional da oferta educativa do campus de Ourense. A sinatura deste acordo de colaboración permitirá outorgar doce bolsas que cubrirán o custo da matrícula no centro que corresponda, unha praza de aloxamento na residencia universitaria As Burgas do campus e unha axuda de 600 euros para contribuír aos gastos da viaxe. A posta en marcha desta iniciativa foi posible grazas á unión e ao traballo conxunto de tres institucións: a Deputación de Ourense, que participa no convenio cunha achega de 25.000 euros; o Consello Social da Universidade de Vigo, que concede ao proxecto 12.000 euros e a Universidade de Vigo, que asume o gasto de tres habitacións na residencia universitaria.

Captación dos mellores expedientes

Na súa intervención no acto de sinatura do convenio o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, subliñou a vocación dunha iniciativa “que nace co obxectivo de atraer alumnado estranxeiro ao campus de Ourense para captar aos mellores expedientes”. O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, pola súa banda, fixo especial fincapé na aposta da institución que preside polo sistema de bolsas “porque contribúen á igualdade de oportunidades” e subliñou a importancia do convenio “xa que facilitará o acceso ao campus de cidadáns residentes no estranxeiro o que contribuirá sen dúbida a proxectar o campus fora das nosas fronteiras”. Baltar animou aos promotores da iniciativa a seguir traballando conxuntamente “para consolidar esta iniciativa nos próximos anos”. Unha liña de argumentación defendida tamén polo secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro. Nas súas palabras, “este acto de sinatura é moi importante polo que supón de xuntanza de varias institucións e organismos. Cremos que este espírito de colaboración é necesario para acadar obxectivos e máis nun momento de crise como o que estamos a vivir, xa que é necesario agora máis ca nunca pór en marcha actividades que teñan unha repercusión social e académica”, afirmou.

289.000 euros para actividades de difusión cultural

Alberto Gago e José Luis Baltar asinaron un segundo convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus de Ourense. En virtude desta iniciativa a Deputación de Ourense concede á Universidade de Vigo a cantidade de 289.000 euros repartidos en tres cantidades: 164.000 euros para o programa de proxección universitaria (obradoiros, MITEU, MOTI, roteiros culturais, coro universitario, Unicorta, cursos de verán, Cátedra Casares e sala Alterarte); 25.000 euros para o programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus de Ourense integrado no programa Erasmus e 100.000 euros máis para o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense. O reitor Gago valorou moi positivamente a aposta da Deputación provincial polas actividades culturais que se levan adiante no campus e que permitiu nos últimos anos que 2500 estudantes participasen nos cursos de verán; o financiamento de 67 proxectos de investigación; o desenvolvemento de máis de 100 obradoiros nos que participaron 1500 estudantes; a organización de 17 exposicións na Sala Alterarte; a posta en marcha da Intercultural con máis de 40 espectáculos e a financiación conxunta de iniciativas como a MITEU e a MOTI “que están a converter a Ourense nun centro de referencia no mundo do teatro” segundo subliñou o reitor, que se amosou “moi satisfeito” de acadar todos estes resultados.
O acto de sinatura dos dous convenios de colaboración foi tamén un acto de despedida do reitor Gago do presidente da Deputación provincial e do seu equipo. Gago revelou sentirse “excepcionalmente ben tratado” pola institución provincial e José Luis Baltar, pola súa banda, agradeceu “o labor desenvolvido polo reitor e polo seu equipo” e cualificou como “unha mágoa” a decisión de Gago de non presentarse á reelección nas próximas eleccións do 20 de maio.