DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra acolle a XVI reunión da Rede Temática Lignocel

Residuos agrícolas, forestais e industriais, a mellor alternativa como nova materia prima renovable

O grupo de investigación Bioprocesos da Universidade de Vigo organiza o encontro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 26/09/2013

Galicia acolle por segunda vez na súa historia a reunión da Rede Temática Lignocel que este ano chega á súa XVI edición organizada nesta ocasión polo grupo de investigación Bioprocesos da Universidade de Vigo con Diego Moldes á cabeza. Se no ano 1993 foi Vigo a cidade elixida para desenvolver estar xornadas, hoxe é Pontevedra quen acolle unha rede nacional que ten como obxectivo principal o de continuar intercambiando coñecementos e promovendo a discusión entre os equipos de traballo, con interese na área da biotecnoloxía aplicada, ao redor do aproveitamento da biomasa vexetal como materia prima renovable para a obtención de bens de consumo de elevada demanda.

A necesidade de facerlle fronte á crecente demanda enerxética e de produtos químicos xunto á limitada dispoñibilidade dos recursos fósiles e o quecemento global, provocado pola emisión de gases con efecto invernadoiro, fai necesario o uso doutros recursos de xeito sostible. Neste contexto, “a lignocelulosa (residuos agrícolas, forestais e industriais e os cultivos industriais e enerxéticos) é unha excelente alternativa como materia prima renovable”, asegurou a científica do Centro de Investigación Biolóxicas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CIB-CSIC) Susana Camarero durante o acto de apertura das xornadas xunto ao organizador e investigador Diego Moldes

Dende a súa creación, hai xa 20 anos, a Rede Temática Lignotel ten acadado numerosos logros sobre todo no que atinxe á industria do papel, aplicando unha sustancia de refugallo como son as xilanasas no branqueo da pasta de papel, o que trae consigo unha notable redución de verquidos contaminantes. As ferramentas biotecnolóxicas desenvolvidas a partires do coñecemento da biodegradación da lignocelulosa teñen tamén aplicación noutras industrias como pode ser o téxtil, engadiu Susana Carromero. A maiores, o organizador da xuntanza e integrante do grupo de investigación Bioprocesos da Universidade Diego Moldes destacou como un dos grandes retos desta área de estudo a utilización de residuos agrícolas ou forestais para a súa conversión en etanol como combustible de segunda xeración.

Imposible sen o apoio da Universidade

A coordinadora da Rede Temática Lignocel e científica do Centro de Investigacións Biolóxicas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CIB-CSIC) Susana Camarero agradeceu o apoio económico prestado pola Universidade de Vigo nun período tan complicado como actual. Do mesmo xeito, Camarero destacou o labor do grupo de investigación Bioprocesos á hora de organizar un evento destas características, facendo fincapé no labor desenvolvido por Diego Moldes e mais a directora do grupo Ángeles San Román. A científica tamén aproveitou a súa intervención para darlle a benvida aos seis novos membros da rede: o departamento de Enxeñaría Química, Ambiental e dos Materiais da Universidade de Xaén, o Centro de Investigación en Agrigenómica da Universidade Autónoma de Barcelona, o Instituto de Biotecnoloxía de León e as empresas Foresa Industrias Químicas del Noroeste, Tecan Ibérica de Instrumentación e Mejoran Lab Automoción.

Os 65 participantes desta última edición da Rede Temática Lignocel continuarán analizando, este xoves 26 e o venres 27 os últimos avances no sector nos últimos 12 meses.