DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co proxecto “Domoheat”

Residuos agrícolas, forestais e madeireiros servirán de combustible para crear un sistema sostible de calefacción

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 15/01/2008

O gran potencial que ten Galicia para transformar a biomasa en fontes de enerxía é unha das grandes vantaxes que, en opinión dos enxeñeiros forestais, presenta esta comunidade e a E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal quere sacarlle o máximo proveito. Neste senso, desde fai uns meses e durante os próximos tres anos, un grupo de investigadores deste centro, apoiados por expertos de Castilla-León, Alemaña, Grecia, Italia e Austria, analizarán co proxecto Domoheat a viabilidade de converter produtos residuais en combustible para sistemas sostibles de calefacción.
O obxectivo principal da investigación é demostrar o rendemento global das biomasas mediterráneas, sendo capaz de diversificar a materia prima, reducir os problemas dos residuos dos montes e promover o uso de enerxías térmicas renovables nos países europeos. Para cada calefacción buscarase o sistema adecuado, usando en todos os casos o biocombustible máis económico do mercado, mellorando deste xeito a dispoñibilidade, a seguridade do subministro e as posibilidades de demostrar que quentarnos por medio da biomasa é posible.
O proxecto baséase na demostración de dous mecanismos europeos innovadores (combustión e co- combustión) de caldeiras de potencia media de 60 kw e 100 kw, para o seu uso no sector servizos e residencial, utilizando como carburante residuos de media a baixa calidade de industrias agrícolas, forestais e madeireiras.
Os promotores do proxecto, iniciativa enmarcada dentro do sexto programa de investigación da Unión Europea, teñen o éxito asegurado, posto que algúns dos elementos da biomasa xa foron transformados en fontes de enerxía.

 

Viabilidade económica, técnica e ambiental

No proxecto Domoheat, a aplicación térmica procederá do uso de 13 produtos residuais e as súas mesturas. Utilizaranse cortizas e achas de pino e eucalipto, osos de olivas, cáscaras de piñóns e améndoas e achas de carballo. O director da EUET Forestal, Luís Ortiz, comentou que é “un proxecto ambicioso” e engadiu que “de toda a gama de produtos que se utilizarán e as súas mesturas, algúns serán viables e outros quedarán descartados”.
Ao utilizar os residuos agrícolas, forestais e madeireiros, o estudo servirá a súa vez para limpar os montes galegos e evitar deste xeito a proliferación dos incendios, especialmente nas tempadas de maior risco de fogos.
Por cada hectárea de monte explotado, hai arredor de 50 toneladas de residuos e, segundo Luís Ortiz, parte da investigación, que dispón dun presuposto de 2,7 millóns de euros, centrarase en estudar os mecanismos de combustión e de emisión de gases e cinzas. Deste xeito os investigadores explican os tres aspectos básicos do proxecto, que son a viabilidade económica, técnica e ambiental.

Un proxecto con futuro

En España, o estudo levarase a cabo en Galicia, Castilla -León e Andalucía. O director da escola pontevedresa sinalou que os resultados da investigación, que concluirá no ano 2011, se extrapolarán a toda Europa. “Algúns residuos, como a cortiza de pino, que aquí empezan a ser escasos, abundan en outros países", matiza Luís Ortiz. Ademais prevese a divulgación do estudo en seminarios, congresos e publicacións de todo o continente europeo.
De feito, Domoheat foi presentado no I Congreso Internacional de Enerxías Alternativas e Medioambiente (ENERNOVA) e na II Feira Internacional de Bioenerxía (EXPOBIOENERXÍA 2007). Ademais esta mesma semana terá lugar en Gratz (Austria) a segunda reunión do proxecto á que asistirán todos os implicados na investigación. O propósito é facer unha análise dos resultados obtidos ata agora e marcar as pautas a seguir de aquí en diante.