DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xurado elixiu o proxecto O Camaleón, presentado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba

Resolto o concurso de ideas para a construción do edificio de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

A previsión é poder licitar a obra a comezos de 2024 e que a construción se inicie na primavera

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/07/2023

A Universidade de Vigo acaba de resolver o concurso de ideas para a construción do edificio que acollerá a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Atendendo á acta do xurado, presidido polo vicerreitor de Planificación e Sostibilidade José Luis Míguez Tabarés, acordouse que a mellor idea, das doce presentadas, é a asinada por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid, autores dunha proposta “que non só responde a un programa funcional, senón que achega outra serie de elementos estéticos e de relación co resto das edificacións da súa contorna” e cuxa forma e posición vén marcada pola propia topografía do campus. Segundo esta proposta, bautizada como O Camaleón, o futuro edificio formalízase en tres pezas, unha sobre rasante, outra semisoterrada e unha “xunta” entre os dous primeiros, e nel terán gran protagonismo os espazos verdes, tanto no interior como no exterior.

“Será un edificio emblemático para o campus de Ourense”, salientou Míguez Tabarés nada máis facerse pública a acta do xurado, ao tempo que explicou que con este edificio complétase o que sería a parcela do campus sur, cubrindo o espazo que queda en desnivel. Ao seu xuízo, é unha proposta que mellora a localización privilexiada deste solar, situado ao carón dunha das arterias principais que dá acceso á cidade. “Trátase dun proxecto moi importante para nós, pois supón conseguir que o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, un dos de maior demanda da Universidade de Vigo, conte cun edificio propio e moi característico”, considerou Míguez, quen tamén incidiu en que agora se fai “máis necesaria ca nunca” a unión entre os dous campus mediante un soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo, “o que permitiría crear un espazo peonil aberto entre os dous campus, xunto co novo Edificio Administrativo da Xunta de Galicia”.

O investimento previsto supera os 8,3 millóns de euros

Segundo a acta do xurado correspóndelle agora á empresa García Rodríguez Alcoba a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra, para o que contarán cun importe de algo máis de 390.000 euros, IVE incluído. A idea, segundo explicou o vicerreitor, é que a empresa conte cun prazo de entre dous e tres meses para a realización do proxecto, con vistas a poder licitar a obra a principios de 2024. “Gustaríanos que a construción arrancase en abril ou maio e que o edificio poida converterse en realidade nun prazo estimado de entre dous anos e dous anos e medio”, recalcou o responsable do xurado, quen tamén explicou que o investimento previsto para esta obra supera os 8,3 millóns de euros.

Desde a dirección da escola, Humberto Michinel, un dos vogais do xurado, amosouse satisfeito polo “avance importante” que supón para este centro a construción dun edificio que dará servizo tanto á titulación de grao como do Máster en Enxeñaría Aeronáutica que arranca no curso 2023/2024. “Agardamos que non haxa moitos atrancos técnicos e que poidamos empezar canto antes a docencia e a investigación neste novo edificio”, recalcou o responsable do centro.

A proposta “aproveita e potencia” a situación privilexiada da parcela

Segunda a memoria descritiva presentada por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, a proposta quere “aproveitar e potenciar” a situación privilexiada da parcela, caracterizada por  unha zona aterrazada na fachada sur e con forte pendente da fachada norte, correspondente á rúa José Villaamil y Castro. Nesta liña, sublíñase que, por unha banda, o edificio servirá como elemento que remata e pecha volumetricamente o parque natural que dá sobre o interior do campus, mantendo a imaxe de pradeira que ten na actualidade e, pola outra, dará continuidade á edificación da cidade, na medida en que servirá de transición entre a trama urbana edificada e o espazo natural.

A idea é aproveitar o actual desnivel para crear unha serie de terrazas verdes -cubertas vexetais-, que serán as que darán esa imaxe verde e de continuidade coas áreas de herba contiguas, e que servirán tamén como novos espazos de lecer para os peóns.

Ás propostas candidatas pedíaselle que o deseño do futuro edificio debería recoller estratexias de deseño, construción e mantemento encamiñadas a optimizar o rendemento enerxético, a eficiencia no uso da auga, a redución das emisión de CO2 e o incremento da calidade do ambiente interior, e así se recolle na proposta construtiva presentada polo despacho Rodríguez Alcoba, onde se especifica que as solucións construtivas da proposta buscan, primeiro ser o máis eficientes e sostibles posibles; que a maioría dos elementos empregados se poidan reutilizar, recuperar e reciclar e utilizar materiais de Km0, destacando os elementos de madeira laminada.

60.000 euros en premios para as cinco propostas finalistas

O xurado, ademais de seleccionar a proposta gañadora, que recibirá un galardón de 30.000 euros, outorgou tamén un segundo e un terceiro premio, así como dous accésits. O segundo premio, valorado en 15.000 euros, foi para a proposta Más Madera, presentada pola UTE formada por José Manuel Pérez Muñoz, en representación da empresa mrpr e Rafael Sollero López; o segundo, con 7500 euros, para Dédalo y Wright, o proxecto de Villacé y Cominges SLP. O primeiro accésit, dotado con 5000 euros, foi para o titulado Alrededor, da UTE formado por Óscar López Alba e Manuel Vázquez Muiño; e o segundo, con 2500 euros, para AAA333, de Iglesias y Veiga Arquitectos SLP.