DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conta atrás para coñecer a cidade que organizará a Universiada do 2013

O respecto ao medio, reclamo do stand da candidatura viguesa á Universiada

As delegacións de Vigo, Kazán e Kwang Ju exporán este sábado as súas propostas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/05/2008

Un céntrico hotel de Bruxelas acolle desde este mediodía os stands das tres candidaturas que optan a organizar a Universidada do 2013, Kwang Ju, Kazán e Vigo. A pouco máis de 24 horas para que os responsables da Federación Internaciona de Deporte Universitario, FISU, elixan a cidade que organizará os xogos universitarios de dentro de cinco anos, as vilas coreana, rusa e galega, mostran en cadanseu stand as liñas básicas dos proxectos cos que optan á organización da Universiada.
Se Kwang Ju optou po unha maqueta de instalacións deportivas e Kazán por unha instalación na que predominan un vídeo informativo e a música tradicional en directo, a delegación viguesa fixo do medio ambiente o principal reclamo dos seu stand.

O stand vigués

Cunha maqueta da Cidade do Deporte como elemento central, a instalación na que Vigo amosa a súa oferta está construída con céspede artificial e paneis sobre os que se pegaron case 500 zapatillas de deporte doadas polos cidadáns e que simbolizan o compromiso de Vigo coa Universiada e a súa conciencia “verde”. Catro pantallas nas que se ofrecen imaxes e información sobre os proxectos da candidatura completan o stand vigués que xa foi visitado polo presidente da FISU que manifestou o seu interese pola maqueta da Cidade do Deporte. Segundo o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira, o presidente da FISU cualificou o proxecto de “increible” sen pasar por alto o feito de que instalacións e servizos están integrados na paisaxe.

Este sábado, decisión final

Precisamente o presidente da FISU, George E. Kilian, será o encargado de desvelar este sábado a partir das 20.00 horas que cidade acollerá a Universiada do 2013. Sen embargo antes de chegar a esa hora as tres delegacións terán que defender as súas respectivas candidaturas.
Precisamente a de Vigo, integrada por 60 persoas, entre as que figuran cargos políticos encabezados polo alcalde Abel Caballero, representantes da Universidade de Vigo, liderados polo reitor Alberto Gago, deportistas e a Plataforma de apoio á Universiada, será a primeira en expor ante os membros da FISU os pormenores da proposta viguesa.
A continuación será a delegación de Kazán a que intervirá e xa pola tarde será o momento de Kwang Ju. As deliberacións comezarán as 18.00 horas e dúas máis tardes coñecerase a cidade encargada da organización da Universiada do 2013.