DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A responsabilidade civil e penal do persoal sanitario centra as XXXVI Xornadas da enfermería e a xustiza

O congreso superou as súas expectativas con 400 inscritos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 04/11/2008

A Facultade de Ciencias acolle estes días as XXXVI Xornadas da enfermería e a xustiza. Responsabilidade civil e penal do persoal sanitario nas que os asistentes terán a oportunidade de coñecer, grazas a aos relatorios dos distintos poñentes, o complexo tecido lexislativo e xudicial que afecta aos traballadores do sistema sanitario.
O congreso, que conta coa colaboración da Escola de Ciencias da Saúde, o Colexio de Enfermería de Ourense e o Consello Galego de Enfermería, acolle nesta edición preto dos 400 inscritos, un número que superou todas as previsións. Os participantes son, maioritariamente, profesionais de enfermería da provincia, aos que o tema das xornadas lles afecta moi de cerca.
Tras o acto inaugural, no que estiveron presentes Sergio Quinteiros, presidente do Consello Galego de Enfermería, Asunción Pérez , presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Pilar Fernández, vicepresidenta do Consello Xeral de Enfermería de España e Camilo Isaac Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense; deu comezo o primeiro relatorio da xornada. Francisco Vieira Morante, presidente da Audiencia Provincial de Madrid falou na súa intervención sobre a Lei de Dereitos do Paciente e sobre o consentimento informado e as historias clínicas. Durante o transcurso desta primeira xornada tamén se trataron temas como o dereito á intimidade do paciente, a responsabilidade penal do persoal sanitario ou as responsabilidades dos poderes públicos.

Os dereitos do paciente

Durante o seu relatorio, Francisco Vieira, afondou nos aspectos lexislativos dos dereitos dos pacientes ao mesmo tempo que analizou a responsabilidade dos traballadores sanitarios. Vieira fixo fincapé en dous aspectos importantes nesta materia como son o consentimento informado que “é aquel prestado libre e voluntariamente polo afectado para toda actuación no ámbito da súa saúde” e as historias clínicas, sobre as cales “a lei básica afirma que todo paciente ten dereito a unha constancia por escrito da información contida en todos os seus procesos asistenciais” aclarou. Estes aspectos recollidos e precisados pola Lei de Dereitos do Paciente do ano 2001, xa foran obxecto de discusión nas primeiras xornadas que se celebraron nos anos 90, xa que non existía un criterio claro sobre a súa aplicación e extensión. Vieira concluíu a súa intervención salientando que “o cumprimento estricto dos dereitos dos pacientes e a expresión da historia clínica de xeito adecuado, será importante para evitar reclamacións”.

Última xornada

As conferencias do mércores 5 comezarán ás 09.30 horas coa intervención de Antonio Moreno Andrade, presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, que falará sobre a resposta que a administración e os tribunais teñen ante as vulneracións dos dereitos dos pacientes. O segundo e último relatorio da mañá abordará a ética e o dereito no sistema sanitario, tema que será tratado por Ventura Pérez Mariño, maxistrado xuíz de menores e ex alcalde do Concello de Vigo. Para finalizar as xornadas terá lugar ás 12.00 horas unha simulación dun xuízo sobre un caso penal e ao rematar celebrarase o acto de clausura e farase a entrega de diplomas aos asistentes.