DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse os días 24 e 25 de xuño na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia

Responsabilidade individual para protexer a ría

Están organizadas pola Plataforma pola defensa da Ría de Vigo en colaboración coa Universidade de Vi

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 23/06/2011

Un dos principais problemas aos que nos enfrontamos na actualidade é o empobrecemento e a contaminación medioambiental. O desxeo dos polos ou a degradación da capa de ozono como consecuencia do impacto da actividade humana, da contaminación e da sobre explotación dos recursos copan, a miúdo, as edicións dos informativos. A inexistencia dun plan sostible de desenvolvemento fai que estes problemas estean cada vez máis estendidos e máis preto de nós, afectando a medios naturais tan próximos como a Ría de Vigo. Co fin de dar a coñecer a situación actual á que se enfronta a ría, celébranse as xornadas divulgativas A Ría de Vigo: impacto da actividade humana, xestión sostible e conservación medioambiental, organizadas pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo e o CSIC, entre outros organismo e que se celebrarán este venres 24 e sábado 25 de xuño.

Un problema de todos e para todos

Poder gozar dun medio ambiente saudable é unha das máximas das sociedades avanzadas que, a súa vez, son froito do progreso industrial que trouxo consigo o emprego de sustancias, elementos ou aparellos cuxo uso é prexudicial para a natureza. A partir deste momento, o ser humano converteuse no principal inimigo da Terra, explotando de forma irracional os seus recursos e empregando sustancias contaminantes para lograr o seu fin.

Medios tan próximos como a Ría de Vigo sofren os efectos desta explotación, polo que xurdiron voces en defensa da natureza e a favor da protección do litoral, da creación dun programa de xestión sostible capaz de conciliar a convivencia do ser humano co ambiente, do saneamento e tratamento das augas residuais urbanas e industriais con orixe nas aglomeracións urbanas, así como a petición dun maior investimento público que permita mellorar as condicións da ría, xa que a súa conservación é responsabilidade de todos. Neste contexto, estas xornadas pretenden achegar o problema e tamén a solución non só aos sectores relacionados co mar e ao colectivo investigador, senón tamén á cidadanía en xeral.

Programa das xornadas

A problemática da situación actual da Ría de Vigo será o tema que inicie as xornadas divulgativas o día 24 de xuño, contando coa participación de docentes da Universidade de Vigo coma Ricardo Beiras, doutor en Bioloxía e catedrático de Ecoloxía, que afondará nos efectos da contaminación nos recursos mariños; Francisco Alonso, docente e representante do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Pontevedra, que tratará o saneamento integral da ría; María Xosé Vázquez, membro do Departamento de Economía Aplicada, que achegará unha valoración económica coa contorna litoral como recurso público; e Gonzalo Méndez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, que falará dos instrumentos de ordenación do litoral.

O segundo bloque de conferencias terá lugar o día 25, sendo os temas principais o audiovisual, a xestión sostible e a responsabilidade neste ámbito de estudo, para rematar cunha mesa redonda tras a que se pecharán as xornadas.