DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A responsabilidade da universidade na desigualdade e na violencia de xénero. Por Amada Traba

A profesora é autora xunto con Luz Varela do 'Informe diagnose da igualdade na Universidade de Vigo'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 24/11/2011
A violencia de xénero constitúe un gravísimo, profundo e estendido problema social de dimensións estruturais e culturais moi complexas. Afecta moitas mulleres con independencia da idade ou nivel sociolcultural; prodúcese en todo tipo de contextos, nas relacións interpersoais e familiares, ou nos laborais e públicos. Toma a forma de violencia simbólica, social, económica, sexual, psicolóxica ou física.

O ámbito universitario non é alleo a este fenómeno, pois como calquera outra institución social confórmase polas relacións de poder construídas en torno á categoría sociohistórica de xénero como unha das liñas de estruturación social hexemónicas. O ámbito educativo en xeral e o universitario en particular non son neutros nin illas, forman parte dos mecanismos de reprodución social nos que o sexismo enchoupa as estruturas, as relacións, os discursos, e a forma de pensar e actuar das persoas.

Cuestionar a orde social desigual na que se sustenta a violencia supón dar un gran paso, implica desvelar a naturalización das diferenzas e as consecuencias da mesma en canto aos valores, significados e a xerarquía de xénero. A relación xerárquica establecida entre os xéneros supón a lexitimidade do androcentrismo, e para as mulleres a consideración de ser diferentes, suxeitos marxinais ou discapaces por non responder ao modelo masculino hexemónico. Esta orde relacional xerárquica, ademais de discriminar as mulleres, formula unha relación bipolar e homoxénea que despreza a diversidade humana, cuestión sobre a que tamén debemos reflexionar, aceptando e dando lexitimidade á idea de que hai moitas formas de ser muller ou de ser home.

A violencia sexista na universidade é, sobre todo, violencia simbólica. O sociólogo Pierre Bourdieu explica que a través desta violencia se impoñen como lexítimos uns significados e uns xeitos de comportamento apropiados á orde social dominante supostamente superiores moralmente. A violencia simbólica é unha acción intelectual que permite obter a conformidade ou incluso a submisión dos suxeitos aos que se dirixe pero sen que estes se decaten; constitúe un proceso de inculcación que trata de anular a capacidade crítica e a capacidade de resistencia ou oposición dos grupos sociais sobre os que se exerce, pois se apoia nos valores e crenzas socialmente aceptadas, impostas polo poder dos símbolos e dende institucións e poderes que gozan da lexitimidade para facelo.

A desigualdade na Universidade

O informe realizado pola Universidade de Vigo sobre a súa propia situación pon de manifesto a fenda existente aínda entre homes e mulleres. A discriminación á que nos enfrontamos non é formal, nin explícita, senón que está presente nas formas de pensar, nos prexuízos, nos hábitos de relación e comunicación. Anda trenzada na cultura da organización, nos estereotipos, nas expectativas, nas barreiras imperceptibles, na escasa presenza e visibilidade das mulleres mesmas ou das súas obras, ignora as súas necesidades específicas e as súas potencialidades. Lexitima esta desigualdade construída historicamente ocultando a súa orixe, aceptando as estruturas sociais e a subxectividade das estruturas mentais que a sustentan.

Pero está presente tamén baixo esa forma que denominamos acoso ou violencia sexista directa na vida de moitas mulleres que forman parte da nosa comunidade, sófrena no seu ámbito privado ou incluso nas relacións interpersoais laborais, tal como se puido constatar na citada diagnose realizada na universidade de Vigo. Malia ser o noso un espazo privilexiado, as persoas que a padecen teñen as mesmas dificultades que o resto de colectivos sociais para recoñecer, enfrontar e denunciar estas situacións. Asemade na diagnose púxose de manifesto que non temos recursos e instrumentos que permitan canalizar, afrontar ou axudar as mulleres vítimas desta violencia. Actualmente cóntase cun protocolo de actuación fronte a conflitos interpersoais e de acoso no traballo, pero deberíamos contar cun instrumento eficaz que permita previr, detectar e actuar situacións de acoso ou violencia sexista ou por razón de xénero.

A universidade ten a responsabilidade de contribuír á abordaxe integral que require este gravísimo problema, de saber máis sobre ela, de formar profesionais de distintos ámbitos -xurídico, educativo, sanitario, social, da comunicación, etc.- capaces de entendela e de contribuír a súa solución. Ademais debe formar persoas que calquera que sexa a súa posición sexan quen de ser críticas e de non reproducila. En definitiva temos a responsabilidade de crear sinerxías que freen a reprodución da desigualdade social que está na base desta violencia. Ademais temos que dar cumprimento ao mandato legal que nos encomenda, entre outras cousas, incorporar contidos e materias á nosa oferta docente e impulsar o noso traballo investigador e de transmisión de coñecemento para achegar a nosa contribución á pronta erradicación da violencia de xénero.