DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión da conferencia interuniversitaria que promove a Facultade de Dirección e Xestión Pública

Responsables dos graos en xestión pública en España debaten sobre os efectos da LOSU nun encontro virtual

Este xoves tamén tivo lugar unha actividade da Cátedra ‘Institucións Europeas e Cidadáns’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/06/2023

Creada en 1997, a Conferencia Interuniversitaria de Graos en Xestión e Administración Pública (Cigap) naceu como un espazo de encontro entre as e os responsables das titulacións universitarias deste ámbito e desde xullo do pasado ano está presidida polo decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, Enrique Varela. A través de Campus Remoto, este centro do campus pontevedrés organizou este xoves, de forma virtual, a reunión anual desta conferencia, na que representantes de 15 universidades analizaron as implicacións da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) para estes estudos. Trátase da primeira vez que a UVigo acolle o encontro anual desta “rede de universidades de toda España, na que se poñen sobre a mesa cuestións que teñen que ver coa estrutura dos estudos ou cos cambios normativos, como é neste caso como nos afecta a LOSU”, explica Varela.

Así mesmo, este xoves tamén tivo lugar unha nova actividade da Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns: adaptar a Unión Europea aos desafíos da dixitalización, que dirixe o profesor da facultade Celso Cancela. Aberto ao público, o evento desenvolvido na Casa das Campás tiña como obxectivo abordar a visión da UE que se traslada a través dos medios, para o que contou coa participación do xornalista Tino Santiago.

Unha axenda que presentarán ao ministro de Universidades

Como explica Varela, a Cigap naceu ligada ás antigas diplomaturas de Xestión e Administración Pública, como a que se impartía na UVigo. Esta transformouse posteriormente no Grao en Dirección e Xestión Pública, o único con esta denominación no sistema universitario español, o que fai “que teñamos un perfil específico, complementario pero diferente”, salienta Varela, ao resto das titulacións das universidades representadas nesta conferencia de decanos e decanas. De aí que Varela poña o foco no interese dun encontro “no que cada un achega o perfil da súa titulación, xa que a pesar de que todos os estudos teñen un tronco común, hai moita diversidade”, como a que implica a “posición singular” da propia facultade pontevedresa, que conta cunha das “escasas experiencias híbridas en universidades presenciais”, ao contar o seu grao cunha modalidade presencial e outra virtual.

Alén da posta en común de diferentes cuestións, esta conferencia tivo como foco de debate "o impacto da LOSU nos nosos estudos", explica Varela, así como a implantación do Real Decreto 822/2021, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade. De feito, o encontro permitiu aos e ás integrantes da Cigap deseñar "unha axenda que será presentada a próxima semana ao ministro de Universidades, Joan Subirats", explica Varela, que representará a Cigap nesta xuntanza. 

Organizado polo decano da facultade pontevedresa, a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Politécnica de Valencia, María del Mar Marín, e pola representante da Universidade de Alacante Elisabeth Gil, a conferencia completouse cunha asemblea na que se abordou a renovación de cargos na xunta directiva, acordándose á continuidade de Varela como presidente un ano máis, "co encargo", explica, de organizar este encontro anual en xuño de 2024 no campus de Pontevedra.  

Os “efectos perversos” das narrativas ligadas á UE 

Ofrecer “unha perspectiva ampla” da imaxe da Unión Europea que se traslada a través dos medios foi, como explicou o profesor Celso Cancela, o obxectivo da actividade Encontros por Europa, que tivo lugar na mañá deste xoves na sede da Vicerreitoría, ao abeiro da cátedra financiada pola Comisión Europea que dirixe este profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Para iso, a Cátedra Jean Monnet contou coa participación do que fora durante máis de tres décadas xornalista da TVG e da Radio Galega Tino Santiago, quen puxo o foco en que a UE “é unha institución complexa, que non ten precedentes na historia”, o que fai á súa vez “moi complicado” explicar as implicacións que as súas políticas teñen no día a día, recoñeceu.

Neste punto, Santiago incidiu en como esta complexidade fai que “a súa narrativa produza ás veces efectos moi perversos”, como supón que “calquera alcalde ou presidente, cando fai algo que procede da UE e que cre beneficioso para o seu electorado”, preséntao como “un triunfo” seu, mentres que, no lado contrario, “se é unha cousa que non gusta”, sinala que "é o que manda Europa”. Trátase, lembrou, dun problema que afecta ao conxunto da unión e ao que “tamén colabora” a propia UE “con esa visión ás veces tan tecnocrática e tan pouco transparente”. Non obstante, o conferenciante subliñou tamén que “con moítisimos erros e problemas”, a Unión Europea “produciu unha época de estabilidade” e reivindicouna como “un mecanismo imprescindible no momento de cambio que estamos vivindo en todo o mundo”, aludindo concretamente aos efectos da guerra en Ucraína e á “ameaza dunha nova guerra fría, entre Estados Unidos e China”.