DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables de mobilidade e emprego de universidades españolas buscan en Vigo puntos de encontro e liñas futuras de traballo

Na reunión do subgrupo de traballo coordinado pola Universidade de Vigo, única cunha conselleira EUR

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/05/2009

Vicerreitores e responsables de mobilidade e emprego das universidades españolas conforman o subgrupo 5 de traballo, que se insire dentro do Grupo de Traballo e Emprego da RUNAE, a Rede Universitaria de Estudos Estudantís. A Universidade de Vigo coordina este subgrupo de traballo ao ser a única en España que conta cunha conselleira EURES e acolleu este mércores unha reunión dos seu membros. Representantes das universidades de Alacante, Cantabria, Carlos III de Madrid, Jaime I de Castellón, Granada e Politécnica de Valencia mantiveron a primeira xuntanza de traballo despois da creación deste subgrupo en outubro do pasado ano. O vicerreitor de Relacións Institucionais, como responsable dos temas de mobilidade, foi o representante da Universidade de Vigo, xunto coa conselleira EURES, Emilia Seoane, encargada do primeiro relatorio.
Nesta xornada, os obxectivos pasaron por estreitar as relacións coa Rede EURES que teñen os servizos públicos de emprego de toda Europa, darlle visibilidade ao grupo e atopar puntos comúns de traballo con outras redes ou grupos de traballo con obxectivos e contidos similares dentro da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

Un grupo centrado no emprego e un subgrupo sobre mobilidade

A RUNAE é a comisión sectorial da CRUE sobre temas estudantís e ten competencias, entre outros temas, no emprego. Para traballar neste tema púxose en marcha seis anos atrás o Grupo de Traballo de Emprego, coordinado pola Universidade de Cantabria. Dentro deste grupo, segundo explica Roberto Revuelta, director do COIE (Centro de Orientación e Información de Emprego) da institución cántabra “existen cinco subgrupos centrados en prácticas en empresas, orientación laboral, creación de empresas, observatorios e, coordinado pola Universidade de Vigo, o de mobilidade e emprego universitario.
O obxectivo deste subgrupo 5 é que todas as universidades traballen conxuntamente en temas que lle son comúns no eido da mobilidade e o emprego “para desenvolver ferramentas comúns, compartir experiencias e traballar en boas prácticas”, apunta Revuelta.
Segundo apuntou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “as prácticas son un primeiro paso para a inserción laboral, e debemos crear vínculos e non traballar como compartimentos estancos no campo da mobilidade e do emprego”. Neste sentido, Revuelta subliñaba que “a mobilidade internacional non ten sido un dos obxectivos principais dos estudantes pero, a partir de agora coa implantación do Plan Boloña, todo isto vai cambiar. Os títulos van ser máis utilizables dentro deste EEES, co título obtido en España vaise poder exercer en calquera destes países e temos que poñer en marcha os mecanismos para desenvolver esta mobilidade”.

Estreitar lazos coa Rede EURES

Na primeira parte da xornada, a conselleira Eures da Universidade de Vigo, Emilia Seoane achegou aos asistentes a situación das actuacións realizadas conxuntamente con EURES e fixo un percorrido polos momentos anteriores á creación deste subgrupo. “Este é o pistoletazo de saída e contar cun subgrupo específico sobre este tema no momento actual é moi importante”, apuntou.
Sobre a Rede EURES, salientou como imprescindible un traballo conxunto co grupo e apuntou varias iniciativas achegadas polas universidades para a colaboración futura. Neste sentido, as institucións académicas coincidiron en destacar a necesidade de accións informativas sobre a Rede entre os universitarios, a participación en feiras de emprego ou a información sobre campañas ou convocatorias de emprego.
Sobre a colaboración do subgrupo con EURES, Roberto Revuelta, explicou que “hai moitas cousas nas que podemos interactuar porque normalmente os titulados universitarios son os que teñen máis coñecementos en idiomas que lles permiten moverse máis, o seu traballo é máis recoñecible e, para isto debemos estreitar relacións coa Rede EURES”.
Outro dos temas na orde do día da xuntanza foi a promoción, “saír a todos os eventos a nivel europeo, como a Semana de Emprego de Bruxelas, a máis antiga e de máis relevancia. A nosa intención é presentarnos neses foros como un grupo de traballo, como unha rede de universidades e promover intercambios, experiencias e boas prácticas con outras universidades europeas e incluso con contratadores, con empresas directamente”, apunta Revuelta. Por outra banda, salientou que se vai poñer en marcha un programa Erasmus para emprendedores. “Trátase de unir esforzos entre as universidades, porque por separado unha iniciativa deste tipo sería moi complicada, promoveremos un programa común, cunha masa crítica suficiente para enviar emprendedores a outros lugares”.
A xornada pechouse coa intervención de Rosa Nomen, vicerreitora de Estudantes e Relacións Internacionais da Universitat Ramón Llull, sobre os puntos de encontro deste subgrupo coa Comisión Española Universitaria de Relacións Internacionais (CEURI), que se ocupa, entre outros temas, das prácticas internacionais. Entre as súas apostas, avogou por unha “adaptación da lexislación sobre o tema das prácticas internacionais para facilitar que os estudantes realicen prácticas en empresas fóra das nosas fronteiras, algo que se potenciará especialmente coa implantación do EEES”.