DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha estadía inserida nun proxecto financiado polo programa Erasmus+ 

Responsables de programas universitarios sénior en Letonia fórmanse en creación radiofónica na Facultade de Comunicación

Este xoves participaron nunha sesión sobre creación de podcasts

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/01/2024

Desde 2019, a ONG Project Net coordina en diferentes cidades de Letonia un proxecto de universidade sénior á que, no marco dunha iniciativa financiada polo programa comunitario Erasmus+, proxectan incorporar a creación dunha radio. Co obxectivo de formar aos e ás responsables deste programa na creación de contidos radiofónicos e coñecer boas prácticas en materia de formación ao longo da vida, integrantes desta organización atópanse nestes días desenvolvendo unha estadía en Galicia, que este xoves levounos ata a Facultade de Comunicación, onde, coa colaboración do Decanato, puideron participar nunha sesión formativa sobre funcionamento e edición de podcast.

Sete profesionais desta organización, entre os que se atopa a súa responsable, Iveta Cirule, puideron coñecer nesta xornada as instalacións da facultade pontevedresa, acompañados polo vicedecano Vicente Badenes e polo profesor Xabier Martínez Rolán, encargado de impartirlles un taller sobre comunicación sonora e creación de podcast. Ao mesmo tempo, sinalan, a visita contribuíu tamén a establecer lazos de cooperación internacional, un dos obxectivos do proxecto Erasmus+ que desenvolven coa colaboración da Universidade da Coruña, onde nestes días participaron tamén en diferentes actividades. Nese senso, o propósito desta visita era achegar coñecementos sobre creación de contidos as e os profesionais desta organización de cara a posta en marcha dunha primeira experiencia de “radio sénior” con grupos de participantes nos programas formativos para maiores que levan a cabo.