DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Programa de Maiores do campus de Vigo celebrou o acto de apertura do curso na EUEE

Unha resposta ás inquedanzas intelectuais no último período da vida

O padriño Xosé Luís Méndez Ferrín disertou sobre a formación continua

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 11/10/2013


A importancia do coñecemento ao longo da historia da humanidade e a relación existente entre a aprendizaxe e felicidade, centrou boa parte da intervención do escritor e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo José Luís Méndez Ferrín no acto de apertura do curso do Programa de Maiores do campus de Vigo celebrado na Escola Universitaria de Estudos Empresariais. O padriño desta nova promoción de estudantes sénior que superan os 260, ofreceu unha clase maxistral sobre a formación continua ao longo de toda a vida na que incidiu no valor do coñecemento e as súas aplicacións que fan do humano un ser único na natureza. Unha idea na que tamén puxo o acento o coordinador do Programa, José Fariña que considera que “o home no derradeiro período da vida interésase por máis cousas e este Programa é unha representación desa inquedanza intelectual”.

No acto celebrado nas últimas horas no salón de actos da EUEE o presidente da asociación Aulas de Formación Abertas, Alejandro Otero, deu conta das iniciativas postas en marcha e avanzou o gran reto que suporá a organización en setembro de 2014 das decimo terceiras xornadas sobre asociacionismo nos programas universitarios de maiores que reunirá en Vigo a representantes de universidades españolas e do norte de Portugal.

Un acto moi literario

Unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño e o fallo do 2º concurso literario para alumnos e exalumnos dos programas de maiores das universidades galegas, centrou boa parte da celebración na que tamén parte o vicerreitor de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria, Manuel Fernández e o director da EUEE, Patricio Sánchez. A exalumna de 3º curso do Programa, Maruxa Villares foi a encargada de ler un prólogo de Ramón Villares sobre a obra Ruada das papas e o unto do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Pola súa banda o presidente do xurado do concurso literario organizado pola Federación galega de universitarios sénior, José Montero, deu conta do fallo do certame destinado ao alumnado e antigos alumnos dos programas de maiores das universidades galegas no que a obra O Bosongraf proclamouse gañadora, mentres que á La casa del panadero concedéuselle un accésit. Ambas obras será publicadas na revista dixital de Fegaus o vindeiro mes de novembro.