DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado dos graos de ADE, Turismo e Consultaría celebraron este venres o fin dos seus estudos

O reto de emprender unha nova etapa para 118 titulados en Ciencias Empresariais e Turismo

As autoridades académicas animaron aos egresados e egresadas a traballar polo futuro con optimismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/05/2014

É tempo de graduacións na Universidade e este venres 118 novos titulados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebraron no Auditorio Municipal o fin do seus estudos. As novas promocións dos graos de ADE, Turismo e Consultaría e Xestión da Información emprenden unha nova etapa persoal e profesional nun momento no que lles tocará pór en práctica o que tantas veces escoitaron nas aulas, que as crises non só teñen unha parte negativa senón que tamén supoñen unha oportunidade para aqueles que o saben ver así.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, foron os encargados de presidir o acto de graduación da primeira e última promoción do grao en Consultaría e Xestión da Información, formada por 16 persoas; da terceira promoción do grao en Turismo, composta por 26 egresados, e da cuarta promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas, á que pertencen 76 titulados.

“Estamos orgullosos de vós, sodes o noso valor máis prezado e sempre teredes na Universidade de Vigo a vosa casa. Moita forza”, díxolles Salustiano Mato aos novos titulados, aos que animou a “non conformarse co que xa está e ter ambición para cambiar as cousas”. “Estades dotados das ferramentas necesarias para unha carreira profesional, polo que non vos debedes amedrentar” a pesar do difícil contexto económico, recalcoulles Jesús Vázquez. “Isto non é un punto final senón unha etapa nun camiño que apenas comeza agora e no que vos animamos a emprender, a que sexades vós mesmos os que forxedes o voso destino”, engadiu Elena Rivo. Para crear ese futuro, subliñou Ernesto Pedrosa, os novos egresados contan cunha formación “de alta calidade e rigor” da que sentirse orgullosos.

Ilusión para pechar unha etapa e abrir outra nova

Nesta ocasión, os padriños institucionais foron Alfonso Amorín, presidente e fundador de EDISA; Santiago Carrera, director do Parador de Santo Estevo, e José Manuel Fernández, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Os padriños académicos foron os docentes Patricio Sánchez, Pablo de Carlos Villamarín e Mercedes Mareque. Eles foron os encargados de gabar o esforzo dos estudantes que chegaron ata este acto de graduación e de darlles consellos, como o traballo, a formación permanente, o optimismo, o esforzo e a deportividade, para afrontar a nova etapa que teñen por diante.

Os novos titulados recolleron estas palabras e os seus diplomas de mans das autoridades presentes. Entre eles, Lorena Fernández recibiu o Premio Fin de Carreira do Colexio de Economistas de Ourense. Por último, como en todo acto de graduación, os representantes das diferentes promocións foron os encargados de agradecer o apoio recibido estes anos por parte de familias, amigos e membros da comunidade universitaria e de lembrar algúns dos bos momentos vividos ao longo da carreira. As “batallas” vividas estes catro anos, destacaron, foron moitas pero as que virán a partir deste momento serán moitas máis e igualmente ilusionantes.