DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo de conferencias de Formación e Innovación Educativa

Retos e oportunidades da profesionalización da docencia no marco do EEES

Da man da profesora Amparo Fernández, da Universidade Politécnica de Valencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/09/2008

O proceso de converxencia europea ofrece ás universidades a posibilidade de poñer a tarefa de ensinar nun lugar mellor valorado e recoñecido co que conta no actual sistema educativo. Este cambio de modelo sitúa o ensino dos docentes e a aprendizaxe dos estudantes no núcleo da estrutura e goberno da universidade. Deste xeito, os profesores xunto cos alumnos, pasan a converterse en actores principais, unha oportunidade única para a profesionalización da carreira docente. Segundo a profesora Amparo Fernández March, do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade Politécnica de Valencia, “esta é a resposta aos retos que presenta o proceso de adaptación ao EEES”. O vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, salientou a “importante labor desenvolta pola conferenciante no campo da excelencia da docencia universitaria” e no apoio á docencia e formación de profesores, “algo no que se está a traballar en moitas universidades, entre elas a de Vigo”.
Fernández March, primeira invitada do ciclo de conferencias sobre Novas perspectivas na docencia universitaria despois do parón estival, afondou no seu relatorio na importancia do cambio de paradigma que “significa darlle dignidade e revalorizar a profesión docente convertendo aos profesores nunha das pezas claves dentro da institución”. Segundo destacou, os cambios que presenta o modelo de Boloña ofrecen unha oportunidade inmellorable pero “a profesionalización é un camiño a longo prazo, máis aló do EEES; é un reto estimulante, unha oportunidade, xa que, por primeira vez se oe falar dunha renovación pedagóxica ampla”.

Un cambio profundo e a longo prazo

No seu relatorio, Amparo Fernández March afondou na necesidade de que o cambio que se está a levar a cabo nas universidades sexa verdadeiramente profundo e que permita mudar o xeito de impartir a docencia e, con el, o papel dos profesores. “Os docentes deben ser os actores principais neste proceso de cambio que ten, por primeira vez, vocación de reforma pedagóxica”. Deste xeito, segundo explicou, daráselle máis importancia á tarefa de ensinar, con máis dedicación, “o que pode ser unha oportunidade de progreso. Esta é, no fondo, unha renovación cultural, política, moral e ética”. Pola complexidade do proceso, resulta previsible que xurdan dúbidas e conflitos, “que son necesarios para que o cambio sexa verdadeiro”, salientou.

Ciencia, arte e oficio

A profesionalización dos profesores implica unha docencia de calidade, para o que resulta imprescindible que os docentes se insiran nun proceso permanente de formación. “Debemos ser capaces de exercer con ciencia, con arte e con oficio, niso consiste a profesionalización” salientou Fernández March e isto supón, dende o seu punto de vista unha serie de condicionantes. Por unha banda, a xa asimilada formación continua, por outra, o desempeño flexible tanto no eido creador como executor. Así mesmo, é preciso contar cun saber experto, cun alto nivel de cualificación “pola complexidade de traballar co humano” e unha autonomía de actuación que implica inevitablemente a responsabilidade ética destas accións así como unha reflexión crítica.
Así, a relatora destacou a importancia de ser expertos na disciplina que se imparte pero tamén expertos en docencia, o que presenta catro grandes retos para os docentes universitarios. “Debemos desenvolver unha práctica reflexiva, pasar o individualismo ao traballo en equipo, de ensinar información a aprender competencias e de dotar de compoñente ético á función docente”, explicou.
Amparo Fernández March fixo tamén un percorrido por aqueles aspectos claves e metodoloxías activas para a formación de competencias dos docentes, a innovación educativa ou o uso de tecnoloxías da información e comunicación.
O punto final ao ciclo sobre Novas perspectivas na docencia universitaria porao a profesora Angélica Risquez o 17 de outubro cun relatorio sobre o uso da tecnoloxía na docencia.