DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase na sala do campus a mostra do pintor Rafael Cidoncha e o comisario Román Padín

Un só retrato de André Leon para vestir de maxestuosidade Alterarte

Con esta exposición o proxecto 'Estado Crítico' chega ao seu ecuador

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 26/09/2011
Un retrato de A.L.T. (André Leon Talley). Este é o título da nova exposición que ocupa a Sala Alterarte e tamén é literalmente o seu contido. A espazo expositivo do campus ispe os seus muros para albergar un único cadro, un retrato de André Leon Talley, referente internacional da moda desde o seu posto como editor da revista Vogue, realizado polo pintor Rafael Cidoncha. O universo efémero e moderno da moda vístese coa contundencia e o clasicismo do século XVIII para amosar toda a súa maxestuosidade e poder.

A exposición, que estará aberta ao público ata o vindeiro 18 de novembro, foi inaugurada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, comisario da Sala Alterarte; Rafael Cidoncha, pintor; e Román Padín, crítico e comisario da mostra. Tal e como salientou María Lameiras durante a presentación, con esta mostra a sala inicia a súa actividade este curso académico e chega ao seu ecuador o proxecto do cal forma parte, Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas. Precisamente para pasar este ecuador, Xosé Manuel Buxán apunta que a sala “dá unha volta de torca máis e introduce novas xeracións e proxectos antagónicos aos anteriores co obxectivo de enriquecer a traxectoria de Alterarte”.

Esta volta de torca xeracional e estética débese ao artista protagonista da mostra e á súa obra. Tal e como explica o comisario da exposición, Rafael Cidoncha (Vigo, 1952) é “un sobrio artista da escola figurativa española” cunha longa traxectoria profesional como retratista de reis, ministros, alcaldes e todo tipo de figuras destacadas da sociedade actual. Un curriculum moi diferente ao dos novos artistas emerxentes saídos da Facultade de Belas Artes que ata agora participaron en Estado Crítico.

Sen horror vacui

Para a súa mostra, Cidoncha escolleu un único retrato de André Leon Talley que pintou en base a unha fotografía que lle realizou persoalmente a este personaxe e que completou con sesións de posado. “André veu a unha festa de aniversario miña e os que alí estabamos ficamos fascinados coa súa presenza. A súa imaxe evocábanos aos retratos dos papas de Velázquez pois é unha persoa que move o aire ao seu redor”. Como retratista decidiu plasmar esta aura especial nun retrato en gran formato, de 220 por 180 centímetros, que agora preside Alterarte.

O comisario da exposición salienta que a elección desta única obra para a mostra “retoma a idea neoclásica da peza única, exhibida con pulcritude e pureza de liñas, e concentra a atención dos visitantes nunha soa liña, sen que exista horror vacui”. Alén de reclamar esta atención para a obra, Román Padín destaca que con esta exposición se pretende tamén acadar “unha posta en valor da escola figurativa española, unha das máis apreciadas a nivel internacional”. Con estes obxectivos de fondo, o crítico anima aos visitantes a gozar da sutil relación entre arte e moda que transpira esta obra e o paragóxico de que a personaxe retratada dun xeito clásico o sexa precisamente polo seu éxito en “converter a evanescencia das coleccións de moda en gozo circunstancial dunha fotografía”.