DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula de Teatro da USC presentou unha adaptación de "As cuñadas" de Michel Tremblay

Un retrato da situación da muller na Coruña do 79 inaugura a Miteu no campus

Hoxe é a quenda da Aula de Teatro local, que leva a escena "Eclipses" de Manuel Lourenzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L.Castro DUVI 04/05/2010

A Coruña, 1979, un grupo de mulleres reúnese para pegar os cupóns cos que foi premiada unha delas por uns grandes almacéns. Este é o fío condutor da obra As cuñadas coa que a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugurou onte a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) no campus. É unha adaptación do texto orixinal de Michel Trembley, que sitúa a mesma escena no Quebec do ano 1968.
En torno á mesa da cociña estas mulleres falan, rin, cantan, discuten e choran deixando entrever situacións de desigualdade e violencia de xénero. É unha comedia que ten como obxectivo reflexionar sobre a situación da muller naquela época fundamental, coa democracia acabada de instaurar, para analizar se hai diferenzas co que sucede á altura de 2010. “O feito de situar a escena na Coruña fai que sexa máis próxima ao espectador e que faga unha análise da nosa sociedade”, comenta ao respecto o director, Roberto Salgueiro.
Así mesmo, esta obra introduce unha crítica sobre a situación lingüística. “Tremblay deulle por primeira vez o rango de lingua literaria ao quebequés, polo que se pode facer unha equiparación co que pasa en Galicia”, destaca Salgueiro, quen asegura que por iso é máis fácil facer esta montaxe para un galego que para un madrileño.
Roberto Salgueiro leva á fronte da Aula de Teatro da USC desde os comezos. Este ano a compañía celebra o seu vixésimo aniversario e o director asegura que o teatro universitario goza de boa saúde. “O galego é un referente para o conxunto do teatro universitario do Estado”, considera e engade que as aulas de teatro son unha boa canteira de actores e actrices para o teatro profesional e o sector audiovisual.

Primeira experiencia teatral

Un criterio de traballo da Aula da USC é que toda produción forma parte dun proceso de aprendizaxe. “A vida dos actores na compañía é de 4 ou 5 anos e en todo ese tempo están formándose”, sinala Salgueiro. Natalia Vázquez, Bea Méndez, Patricia Coucheiro, Ana Conde, Carla Capeáns, Inmaculada Vila, Roi Méndez e Cristina Balboa compoñen o elenco nesta ocasión. Son estudantes de titulacións diversas como Dereito, Medicina, Historia da Arte ou Comunicación Audiovisual. Para a maioría é a súa primeira experiencia teatral e aseguran que está resultando moi boa, polo que pensan seguir. Do director din que é moi didáctico, paciente e que se nota que lle gusta o que fai.
Todos lembran o día da estrea d’As Cuñadas. Foi en Santiago en decembro do ano pasado. Desde entón fixeron xa dez pases en Vimianzo, Vedra, Lugo, Ourense, A Coruña e Murcia. A obra está rodada e a experiencia fai que algúns aseguren que xa non senten nervios antes da función, mentres que outros recoñecen que sempre teñen un ruxe ruxe no estómago. Logo da súa primeira actuación internacional en Covilhã (Portugal), a vindeira semana viaxarán a Vilna, a capital de Lituania.

Eclipses da Aula de Teatro de Pontevedra

Hoxe é a quenda da compañía local, a Aula de Teatro do campus de Pontevedra, que levará a escena Eclipses, de Manuel Lourenzo. É un título xenérico para unha colección de pequenas pezas teatrais que mesturan ironía e misterio.
Completarán a programación da semana as novas propostas das aulas de teatro de Ourense, A Coruña, Lugo e Vigo.