DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle acolleu a inauguración da exposición ‘Apostalado Galaico’

Retratos dunha Galicia edulcorada

A mostra impulsada por Xosé Enrique Acuña reúne 175 postais editadas nas décadas de 1960 e 1970

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 03/04/2014

Cruceiros, hórreos, palleiros, capelas, carros de vacas e traxes rexionais son varios dos elementos máis característicos das 175 postais que integran a exposición Apostalado Galaico. A mostra inaugurada este xoves na Sala X vertébrase arredor dunha selección daquelas postais que, nas décadas de 1960 e 1970 do século pasado, “querían representar unha Galicia determinada, idealizada e edulcorada”, como explica o responsable do proxecto, Xosé Enrique Acuña. As fotografías de Xulio Gil e o vídeo realizado por Sabela Vázquez a partir destas estampas completan un proxecto expositivo que propón unha “reinterpetación dunha iconografía coa que se presentaba unha realidade falseada”.

Editadas na súa practica totalidade por empresas de fóra de Galicia, esta serie de postais amosaban unha realidade labrega e mariñeira, “que practicamente non existía naquel momento de emigración e esvaemento do rural”, salienta Acuña dun tipo de postal “que me leva perseguindo moito tempo nunha sorte de coleccionismo creativo”. De aí que conseguise recompilar unha importante cantidade de imaxes que tiñan como escenario “todos os lugares tópicos, típicos e arquetípicos” do país, nos que os figurantes posaban con traxes rexionais para dar forma a unha “realidade falseada e repintada como se fose unha película de serie B”, engade Acuña, que incide así mesmo en que, mais alá da súa orixe mercantil, estas postais tiñan tamén “unha carga ideolóxica moi concreta, xa que intentaban reintroducir nunha sociedade que se estaba desenvolvendo uns personaxes que formaban parte do pasado ou que directamente non existían, senón que formaban parte dunha idealización”.

Non en van, as postais que serven como eixo da exposición que se poderá contemplar na Sala X ata o 23 de maio amosan un “mundo estereotipado, rozando a falsidade e a impostura”, como salientou na inauguración da mostra Ignacio Barcia, vicerreitor en funcións de Alumnado, Docencia e Calidade. Mais, por outra banda, estas postais constituíron tamén “a primeira imaxe que tivemos de Galicia aquelas persoas que vimos de fóra e xa peiteamos certas canas”, como apuntou Juan Carlos Meana, que destacou o labor que, co apoio da Vicerreitoría do campus, se vén desenvolvendo na Sala X para “ampliar o rexistro das nosas miradas”. Neste senso, a coordinadora do espazo expositivo, Mar Caldas, subliñou a importancia dun proxecto expositivo que responde ao obxectivo “de abrir a sala máis alá do ámbito académico”.

Unha realidade reinterpretada

As imaxes recompiladas durante anos por Acuña teñen como contrapunto as fotografías realizadas por Xulio Gil, que na serie Re-postais galaicas propón unha reinterpretación contemporánea das postais na que tratou “de levar a mesma idea a un contexto completamente distinto e con xestos totalmente distintos”. Segundo explica o fotógrafo, neste proxecto tentou tanto recoller unha reinterpretación do traxe presente na meirande parte das postais, como levar a outro contexto as posturas e o papel atribuído ás mulleres nas imaxes que deron pé a esta exposición.

Esta serie de postais é tamén o eixo vertebrador de Contra Apostalado Galaico, o vídeo realizado por Sabela Vázquez que se proxecta nesta exposición e no que “contrapón a esas imaxes tópicas mensaxes que si eran reais, as consignas que empregaba a oposición antifranquista naqueles anos”, relata Acuña.