DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Historia acollerá os días 7 e 8 unhas xornadas virtuais sobre esta temática

"Revisitando" o papel da Falange durante o franquismo

O número de persoas inscritas ascende a 200

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 04/03/2022

A Facultade de Historia do campus de Ourense acollerá de xeito virtual os días 7 e 8 de marzo unha nova edición das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que nesta ocasión levan por título e temática Revisitando a Falange. Nela daranse a coñecer as vías de investigación máis novidosas no estudo do partido político do réxime franquista e reflexionarase sobre o seu papel na historia, “se era un mero elemento decorativo ou se realmente tivo un auténtico protagonismo diante do réxime”.

A cita ten como director a Julio Prada, profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, e está organizada desde o Grupo de Investigación de Historia Contemporánea HC1 e o grupo Investigación e Innovación Docente en Historia I2DH e desde a Uned Ourense. Ademais de Julio Prada, está no seu comité organizador María Concepción Álvarez, Adrián Presas, José Ramón Rodríguez, Domingo Rodríguez e Luis Velasco. As xornadas celebraranse por segundo ano consecutivo, debido á pandemia, de xeito on-line, a través das plataformas virtuais da UVigo e as súas conferencias serán gravadas en streaming para que as e os inscritos poidan visionalas cando desexen. O número de persoas inscritas, explican desde a organización, ascende xa a 200.

“Aínda que con diferentes nomes, estas xornadas xa van pola súa décimo quinta edición, sempre tratando de ofrecerlle ao alumnado do noso Grao de Xeografía e Historia, que é xeneralista, a posibilidade de profundar nunha serie de contidos específicos que nas aulas non se poden desenvolver por falta de tempo”, explica Julio Prada. A iniciativa, engaden desde a súa organización, “quere achegar ao alumnado algúns dos principais debates historiográficos e liñas de investigación relacionados coa docencia da Historia Contemporánea e o Mundo Actual, tanto a nivel xeral como de Galicia”.

Programación

Nesta edición, as xornadas propoñen un achegamento a diversos aspectos da Falange, como son o papel da Falange Española Tradicionalista (FET) e das JONS (Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista) como fonte de disenso no franquismo ou o rol das mulleres nel. Trátase, explican desde a súa organización, de abordar desde diferentes perspectivas “o máis novidoso, o último, que se ten prantexado sobre o estudo do que foi o fascismo en España e a súa traxectoria durante toda a primeira metade do réxime franquista”.

A programación arrancará o luns 7 cunha conferencia de Mercedes Peñalba, sénior lecturer da Manchester Metropolitan University, sobre a FET e as JONS como fonte de disenso no franquismo. “Unha das cousas que se están pondo en valor na actualidade é que tamén este partido único foi unha fonte de conflitividade interna para o réxime e que de aí xurdiron formas de oposición a el”, sinala Julio Prada. A sesión continuará cunha intervención sobre as FET-JONS e as eleccións municipais de 1946 a cargo de Carlos Domper, investigador de posdoutoramento da Universidad de Zaragoza. Nela, apunta o director das xornadas, abordarase “o papel do partido único nos primeiros procesos electorais que convocou o propio réxime”. Xa o martes 8, a programación contará cunha conferencia de Sofía Rodríguez, profesora axudante doutora da Universidad Complutense de Madrid, sobre as mulleres dentro do fascismo español na súa etapa inicial (1933-1939) e outra sobre as FET e as JONS: deporte, muller e identidades (1939-1959), a cargo de Héctor J. Pena, investigador de predoutoramento da Universidade de Vigo.

Para completar a xornada, o alumnado inscrito realizará unha serie de actividades de formación docente on-line sobre o fascismo español e a didáctica da historia, coordinadas tamén polo profesor Julio Prada. Estas actividades abranguerán desde a elaboración dunha recensión crítica das intervencións ata comentarios de fotografías históricas vinculadas coa temática abordada.