DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na biblioteca central do campus

A revista “Andaina” recolle nunha exposición 25 anos de evolución do feminismo galego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 04/03/2009

Moitas quedaron polo camiño, pero a revista Andaina leva xa vinte e cinco anos debatendo, sen trabas, temas como a violencia contra as mulleres, a discriminación laboral ou o reparto das tarefas domésticas. Froito dese labor son as portadas que ao longo deste tempo teñen saído á rúa e amosan “como o feminismo ten evolucionado”, en palabras da súa directora, Ana Arellano. Unha recompilación das súas capas está xa exposta na biblioteca central do campus, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e foi inaugurada este mércores polo vicerreitor do campus, Jesús Hernández; a propia directora da revista, Ana Arellano; Laura Gómez, coordinadora da publicación; e Uqui Permui, xefa de deseño.
Arellano, “orgullosa” deste aniversario, destacou a supervivencia da publicación que “sempre foi a contracorrente das posicións maioritarias do feminismo”. En 1991, Andaina xa formulaba a incómoda pregunta de “Por que non dúas nais?” ou reclamaba, mediante a imaxe dunha muller nunha perruquería, tempo e espazo para as mulleres.
A exposición tamén serve para botar un ollo á evolución do seu deseño que, segundo Arellano, conseguiu “unha unidade de forma e fondo, acorde co discurso suxerente e provocador da revista". A directora tamén sinalou que cre que é importante que a revista siga saíndo “para que exista unha voz diferente” na sociedade. Algo que se conseguirá grazas á incorporación de xente nova, “con folgos”, que toma o relevo daquelas participaron da súa fundación. Arellano teno claro, “a revista aguantará se aguantamos nós”.
O vicerreitor do campus, Jesús Hernández, mostrouse “encantado” de que a biblioteca acolla actuacións culturais “e que a cultura non só estea presente nos seus libros” e sinalou a importancia de “darlles a coñecer os estudantes este tipo de publicacións, que son meritorias e representan unha forma de pensamento e de entender a cultura desde outro punto de vista”.

Mesa redonda sobre a violencia de xénero

A exposición conmemorativa dos vinte e cinco anos de Andaina e a celebración, o próximo 8 de marzo, do Día Internacional da Muller actuarán de marco dun mesa redonda sobre a violencia de xénero e a súa proxección audiovisual que se celebrará este xoves. Estará integrada polos profesores da Universidade Amada Traba, Xesús Laxe e Anna Amorós e a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Rosa Fontaíña. A profesora Adela García-Pintos actuará de moderadora deste debate, que terá lugar no salón de actos da facultade a partir das 12.00 horas.