DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Revista de Investigación en Educación lanza o sétimo número consolidada como un referente no seu ámbito

Estará dispoñible na rede a partir da vindeira semana cun formato novo máis profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
Esmeralda L. Castro DUVI 10/03/2010

Dende o ano 2003 a Revista de Investigación en Educación mantense como voceiro do profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, dando a coñecer as investigacións e traballos a prol da mellora do ensino que parten deste centro. Vénse de rematar o seu sétimo número que, coa inclusión de colaboracións procedentes doutras universidades españolas, a renovación do seu formato e a súa difusión a través de bases de datos de recoñecemento internacional, consolida a publicación como un referente no seu ámbito. A partir da vindeira semana poderase consultar de xeito gratuíto a través da rede.
“Como nos volumes anteriores é unha miscelánea que abrangue varias áreas e que ten unha perspectiva multidisciplinar”, explica o seu editor, o profesor Alberto Pazo. Inclúe unha serie de artigos, notas, recensións e reseñas, que abordan temas como a educación científica a través da revisión da obra de frei Martín Sarmiento, a atención á diversidade no ensino primario, a negociación do currículo co alumnado, as metodoloxías na ensinanza dos deportes de equipo ou o estudo dos efectos de protección ou risco fronte ao comportamento antisocial e delictivo en menores.

Mellora do ensino en diferentes niveis educativos

“Hai un artigo interesante sobre un estudo que se fixo de avaliación do profesorado universitario, que rebate outro publicado anteriormente e que sinala as principais carencias e as posibles melloras”, destaca o editor. Así mesmo, salienta outro texto que fai unha análise das achegas dos blogs educativos ao incremento da competencia dixital, algo que lembra que é “un dos aspectos requiridos pola actual normativa educativa”. O obxectivo xeral dos contidos da revista é, segundo Alberto Pazo, tratar aspectos relacionados coa educación en diferentes niveis educativos, principalmente centrados na mellora do ensino primario, “sen esquecer aqueles contidos relacionados coa educación física, tendo en conta a orientación do noso centro e as súas titulacións”.
Como novidade neste volume destaca a renovación do deseño da web, levada a cabo cunha axuda da Vicerreitoría de Investigación. “Agora o formato é máis profesional e accesible, os autores poden enviar artigos directamente a través da web e poden consultar en que fase do proceso de aceptación está o seu texto”, explica.

Proceso de selección rigoroso

Ao igual que nas anteriores edicións, ademais dos da Universidade de Vigo, inclúense textos procedentes doutras institucións académicas como a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Granada e a Universidade Católica de Santo Antón de Murcia. O editor da publicación asegura que cada vez é máis coñecida e recibe más peticións de docentes que queren formar parte do comité editorial. “Neste número fixemos xa unha ampliación, pero é un proceso en crecemento continuo, porque cada vez son máis os profesores que coñecen a revista e que queren formar parte dela”, afirma.
Atribúe esta boa consideración da cabeceira ao rigoroso criterio de calidade que se segue para seleccionar os textos. “Os artigos son valorados por un equipo externo de recoñecido prestixio, polo que moitos deles son rexeitados”, explica. Empregan o chamado “sistema de dobre cego”, polo que se recibe a colaboración sen o nome do autor, quen descoñece tamén quen valorará o seu texto. Este procedemento ten como finalidade “manter a calidade da revista dentro dos estándares dunha publicación científica”, tal e como sinala o seu editor.

Difusión internacional

Desde o cuarto número, a revista trasladouse ao formato dixital, mantendo o seu ISSN. Alberto Pazo asegura que a súa edición en Internet permitiulle ter unha difusión cada vez maior, acadando un gran coñecemento sobre todo entre a comunidade iberoamericana, de onde están comezando a recibir con frecuencia artigos para a súa valoración.
A revista está indexada en varias bases de datos internacionais. Unha delas é Latindex, de gran transcendencia en Latinomérica. “Estar presente nesta base de datos é moi importante no senso en que é unha referencia de calidade para a ANECA. Tense en conta porque para conseguilo hai que cumprir uns criterios de calidade tanto no formato como no contido”, valora o editor. Dos 33 parámetros analizados para entrar neste índice a Revista de Investigación en Educación cumpre 30, o que é todo un logro segundo subliña Pazo. “Cumprir eses parámetros é un mecanismo máis de homologación da súa calidade e do seu rigor científico”. A publicación está tamén indexada nos índices Isoc, Dice e Dialnet.
O profesor sinala que están intentando entrar noutras bases de datos internacionais para ampliar a difusión, algo difícil pola rigorosidade maior de cada avaliación. Con todo, confía en entrar nalgún máis de cara aos próximos números, posto que cre que xa se cumpren a maioría deses requisitos, como son manter unha periodicidade fixa, incluír fichas bibliográficas, realizar resumos dos diferentes textos en inglés ou ter un equipo editorial integrado en máis de 2/3 por representantes alleos á Universidade de Vigo. O seu obxectivo é seguir avanzando nese camiño e cumprir cada vez con criterios de calidade máis esixentes.