DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para o décimo número, que sairá en setembro, xa recibiron máis de 60 artigos

A Revista de Investigación en Educación, a máis citada polos medios científicos pedagóxicos

Ocupa a 1º posición do Índice IN-RECS das publicacións sobre investigación educativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 20/06/2011

Un total de nove números dende 2003 converteron á Revista de Investigación en Educación nun referente no panorama ibeoramericano da ciencias da educación. Tanto é así que na actualidade a publicación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte atópase de número 1 no Índice IN-RECS, “unha base de datos que mide o número de veces que nos cita outra publicación” pedagóxica, explica Alberto Pazo, director da revista. Recoñece que “este órgano de expresión do noso centro non para de medrar”, xa que para a décima edición que sairá á luz no mes de setembro xa recibiron un total de 60 artigos, dos que se publicarán uns 15.

Que a revista se atope de número 1 do Índice IN-RECS, elaborado pola Universidad de Granada, significa que outras publicacións do mesmo eido tómana como fonte de referencia, converténdose nun “medidor excelente” da calidade e do rigor científico que posúe. Como apunta Pazo, “se unha revista é moi citada vai aumentando a súa importancia, adquirindo un certo prestixio investigador e máis visibilidade”. Ademais, a revista está indexada en varias bases de datos internacionais, como Latindex, de gran transcendencia en Latinomérica, ademais de estar presente noutros índices como Isoc, Dice e Dialnet.

Como consecuencia deste posicionamento logrado polo número de citacións, “son moitos máis os investigadores de certo nivel que queren publicar na nosa revista”, aclara o director da publicación, de aí que aumentase o número de artigos enviados. Por outra banda, este tipo de recoñecemento axuda “á difusión da revista” que, unido á súa distribución de forma dixital, “potenciou que foramos coñecidos máis aló das fronteiras, logro que coa edición impresa non conseguiríamos. Así tamén aforramos moitos custes”.

Unha selección rigorosa

De carácter multidisciplinar dentro do eido da educación, a revista respecta a orde de recepción á hora de seleccionar os artigos, tendo prioridade os que chegan primeiro, “sempre que pasen os filtros necesarios para que sexan distribuídos baixo a nosa responsabilidade”. Marcan a calidade científica dun artigo en función da súa estrutura, da revisión bibliográfica, do número de citas, da boa redacción e da orixinalidade do tema. Ademais, para consolidar este rigor científico, decidiuse aumentar o número de expertos do comité editorial, “tanto con persoas de fóra como con áreas específicas, co obxectivo de fortalecer a publicación en temas máis especializados como son os de psicoloxía, didáctica ou teoría da educación”. Agora a prioridade é aumentar o número de publicacións e “sacar tres revistas ao ano para darlle visibilidade a todos os artigos de nivel que nos chegan”.

Obxectivos a medio prazo

En canto ao futuro, Alberto Pazo asume “que hai que seguir traballando e mellorando”, pois pretende que a revista sexa incluída no Índice de citación ISI, índice de referencia internacional de revistas científicas, “polo que lograríamos un recoñecemento mundial das nosas investigacións”, así como unha maior difusión.