DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista libre Occam’s Razor consolídase na aposta pola ciencia e a tecnoloxía práctica

Esta iniciativa, que vai polo cuarto número, naceu na ETSE de Telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 08/10/2009

David Martínez e Fernando Martín, director e editor respectivamente, decidiron poñer en marcha a revista Occam’s Razor en xaneiro de 2007. A súa aposta era unha publicación libre, aberta, desinteresada e cunha orientación eminentemente práctica sobre temas científicos e tecnolóxicos, que xa ten o seu cuarto número na rúa.
Neste tempo profesionais e investigadores da ETSE de Telecomunicación e doutros centros colaboraron con este proxecto publicando artigos relacionados principalmente coas tecnoloxías de información e da comunicación, aínda que tamén se inclúen artigos suxeridos polos lectores. Martínez, doutorando da escola agora en Holanda por motivos laborais, coordina a revista e explica que “estamos abertos a todo o mundo e temos un especial interese en achegar a investigación nas universidades ao que se fai no mundo laboral, que non deixan de ser dous puntos de vista diferentes dunha mesma cousa”.
Sobre os contidos, o profesor e editor da mesma, Fernando Martín, apunta que “admitimos calquera artigo sobre ciencia e tecnoloxía que cumpra a filosofía da revista: explicacións fáciles e orientación práctica”. De feito, apunta, “moitos dos artigos dan instrucións para que os lectores fagan as súas propias probas dos sistemas dos que se fala”.

Unha revista “libre”

Occam’s Razor distribúese de xeito electrónico en formato PDF e os ficheiros están preparados para ser descargados e impresos como unha revista convencional. “Debemos aclarar”, puntualiza Martín, “que é unha revista absolutamente "libre", non custa nada descargala pero tampouco contamos con ningún tipo de financiamento”. Pero o concepto de liberdade no que se queda aquí, non se limita á gratuidade. Todos os contidos da revista poden ser utilizados por quen queira, incluso poden ser modificados, “e esa é a parte máis interesante”, destaca David Martínez. “A única obriga é dicir que ese traballo está baseado na nosa revista, isto é o que significa unha licenza Creative-Commons Reconocimiento” (http://creativecommons.org/licenses/by/3.0/es/).
Os dous creadores de Occam’s Razor amósanse satisfeitos polos resultados desta iniciativa, “ata hoxe temos novas de polo menos outras dúas revistas electrónicas baseadas no noso sistema de edición de textos LaTeX, e moitos dos nosos lectores informáronnos de como utilizan estes contidos en distintas actividades, dende cursos especializados ata clases de bacharelato”.

Difusión

Dende a publicación en xaneiro de 2007 do número un da revista, as visitas á páxina foron incrementándose paulatinamente, a medida que a comunidade universitaria foi coñecendo a iniciativa. “A día de hoxe, o sitio web da revista foi visitado unhas 4800 veces por unhas 3800 persoas”, apunta Martínez. En tan só tres días, este número catro tivo en nso primeiros tres días 2700 visitas dende 40 países diferentes. “Estas visitas chegan dende 49 países por todo o mundo, sobre todo sudamerica, de onde obtemos máis ou menos un terzo das nosas visitas”, apuntan.

Á procura de colaboración

Tratándose dunha revista libre e aberta, o traballo dos editores e dos redactores é totalmente voluntario, un aspecto que fai que a periodicidade da publicación quede ás veces no aire. Para poder sacala adiante faise imprescindible a colaboración da comunidade universitaria, aínda que puntualizan que non se trata de “mandar artigos porque si, senón de facer chegar a outras persoas temas ou cuestións interesantes... porque moitas veces non sabemos que algo é interesante, simplemente porque non sabemos que ese algo existe”. Así, o gran reto do equipo da revista é darse a coñecer, dentro e fóra da propia Universidade: acadar máis colaboración e continuar traballando e difundindo a ciencia e a tecnoloxía práctica. Polo de agora, atópanse no bo camiño e, segundo conclúen director e editor, “un dos comentarios máis comúns que recibimos dos lectores é: "Felicidades, a vosa revista paréceme moi interesante... no sabía dela".
“aínda que trataremos que a iniciativa non morra”, engade Fernando Martín.