DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Departamento de Historia, Arte e Xeografía presentou un novo número da súa publicación

A revista 'Minius' fai historia do urbanismo e as cidades

Coincidindo coa estrea da súa nova web corporativa

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 24/11/2011

Polo auxe das cidades e por fenómenos recentes como a burbulla inmobiliaria, o urbanismo tense convertido nos últimos anos nun tema de actualidade e preocupación, para a sociedade en xeral e para determinados colectivos profesionais en especial. A revista Minius, do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, vén de dedicar o seu número 19 a esta temática para ofrecer unha visión do urbanismo e as cidades que parte da súa historia, a súa arte e a súa xeografía. A súa publicación coincide coa presentación da nova web corporativa do departamento.

O acto de presentación do novo número da revista e da web tivo lugar este xoves no campus de Ourense coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus, e Mª Victoria Carballo Calero, decana da Facultade de Historia, que quixeron felicitar aos participantes en ambas iniciativas polo bo traballo realizado. María López, directora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, quixo salientar neste senso que se trata de dous proxectos no que levan traballando tres anos a través de sendas comisións, formadas no caso da revista por Beatriz Vaquero, Mercedes Durany e Francisco Javier Pérez, e no caso da web por Fermín Pérez e Montserrat Iglesias.

O novo número de Minius, o 19, dedica o seu dossier central ao urbanismo e ás cidades a través de seis artigos que afondan na industria do moble na Lourenzá, a arquitectura e urbanismo decimonónico en Cáceres e a influencia dos enxeñeiros militares na América colonial. Tamén abordan cuestións como a gobernanza urbana nas cidades medias españolas, o poder urbano da coroa na costa cantábrica nos séculos XVI e XVII e o papel da 'Casa del Rey' de Ferrol. Para facelo, o número conta coas achegas de expertos como Alfredo Vigo, José Somoza, Rosario Porres, José Omar Moncada, Mª del Pilar Alonso, Ángel Miramontes, Mª del Mar Lozano e Mª Jesús Teixidó. Completan a revista diferentes artigos e recensións de monografías publicadas en Galicia.

Desta publicación, María López quixo salientar na súa presentación a calidade do seu deseño e do tratamento dos contidos, facendo fincapé en que están a traballar en Minius de modo que en vindeiros números se poidan presentar xa ás axencias de calidade que acrediten o seu valor investigador. Os mesmos criterios de bo deseño e contidos son os que destacou da nova web do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, que busca ofrecer unha imaxe renovada e actual do seu traballo e acceso a todo tipo de información sobre o departamento, os seus membros e as súas actividades.