DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xerente da empresa Abertal, Daniel Cerqueiro, abriu no campus unhas xornadas sobre redes sociais

A "revolución dixital" deixou a comunicación das empresas nas mans dos usuarios

Para o xerente de Abertal, que calquera poida xerar contidos na rede dá lugar a un “mercado máis xus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 02/12/2014

“Estamos nun momento de revolución absoluta”. Con esta frase abriu Daniel Cerqueiro, xerente da empresa de comunicación e internet Abertal, o relatorio sobre redes sociais que este mediodía impartiu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Segundo destacou, “os diferentes cambios nos modos de transmisión do coñecemento” que se produciron ao longo da historia “modificaron as formas nas que nos relacionamos”, como está a acontecer nos últimos anos coas diferentes ferramentas que permiten a calquera persoa crear e difundir contidos a través da rede, o que, ao seu xuízo, provoca que as empresas “non poidan controlar a súa comunicación, que está agora en mans dos usuarios”.

“Os mercados agora son conversas”, foi a frase empregada por Cerqueiro para achegar ao alumnado a un “ecosistema de comunicación” que, ao seu xuízo, “cambiou radicalmente nos últimos 20 anos”, na que foi a primeira conferencia das xornadas sobre redes sociais que organizou a delegación de alumnado do centro. Neste senso, Cerqueiro lembrou no seu relatorio os tempos nos que existían só dous canais de televisión e o mellor xeito de dar a coñecer un produto ou servizo “era poñer un anuncio no Un, dos, tres, que víao a metade da poboación” para contrapoñelos a unha contorna que “cambiou radicalmente nos últimos cinco anos”.

“Agora todo e inmediato, e iso ten as súas vantaxes, xa que as empresas poden testar rapidamente os seus produtos e o seu modelo de negocio, pero tamén ten unha parte complexa de manexar, que é que estás a mercé dos usuarios”, subliñou un profesional que iniciou a súa traxectoria no marketing dixital hai unha década como fundador da empresa Galinus. “Agora mesmo, algunhas empresas teñen pánico, mentres outras están a empregar as redes sociais dunha forma moi intelixente”, apuntou respecto desa idea de “conectividade”, que permite a calquera usuario de internet xerar contidos e difundilos na rede sen necesidade duns coñecementos técnicos. Este cambio, engadiu, “é por exemplo evidente no turismo, no que a ocupación dos hoteis ten unha relación directa coa súa puntuación en Booking ou Tripadvisor”. Neste senso, Cerqueiro concluíu que este novo ecosistema ten como resultado “un mercado máis xusto”, xa que se pasou dos tempos nos que o primordial era dispor de diñeiro para lograr unha “presenza mediática importante” a unha contorna na que “todos temos acceso a unha información que nos permite consumir con máis responsabilidade e calidade”.

Coñecer o cliente e aproveitar o seu potencial

Deseñar unha estratexia de marketing dixital, que fixe as pautas que as empresas deben seguir para difundir a súa actividade, e o posterior seguimento desa actividade constitúe un dos eixos centrais da actividade profesional de Cerqueiro, para quen nestes tempos de “información “en tempo real” a comunicación se ten convertido nun “elemento transversal”. Por iso, considera preferible “na maioría dos casos, que sexa a propia empresa a que desenvolva a súa comunicación” e, para iso, previamente é necesario coñecer “a capacidade que cada cliente pode ter para transmitir a súa singularidade, aquilo que lle fai diferente”. Isto, obriga, engadiu, “a entender á persoa coa que traballas, a poñerte na súa pel e intentar sacar dalgún xeito o talento que todos temos”, co obxectivo de propor unha estratexia non pensada tanto en que unha empresa “ocupe todas as redes sociais”, senón en aproveitar as súas calidades e buscar que “o cliente se involucre e se sinta cómodo coas pautas que lle propós”.

Por iso, ademais de presentar ao alumnado unha serie de exemplos de empresas “que lle sacaron partido especialmente ás redes sociais”, Cerqueiro quixo sumar ao seu relatorio unha “perspectiva histórica”, co obxecto de incidir en que “existe unha parte da sociedade que non viviu sempre nesta contorna 2.0”. De aí que subliñase que “a tecnoloxía avanza moi rápido, pero as mentalidades non” e recordase ao alumnado que mentres as novas xeracións ven as redes sociais como algo co que creceron, “boa parte das decisións políticas e económicas están en mans de xente que non ten esa mentalidade, que as toman como unha ferramenta que teñen que aprender a manexar, non como algo inherente”, unha cuestión que entende “fundamental para comprender a contorna empresarial na que nos movemos”.

As redes sociais, un campo con futuro

De presentar este relatorio de Cerqueiro encargouse Pedro Vázquez, representante da delegación do alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación, que puxo en marcha estas xornadas sobre redes sociais “a proposta do alumnado de Publicidade e Relacións Públicas, que quería completar a súa formación” sobre un ámbito “que ten cada vez máis saídas profesionais”. Con ese obxectivo, a delegación propuxo dous coloquios con “profesionais con ampla experiencia”, como Cerqueiro e Antía González, xestora de redes sociais de Ingenio Interactiva e responsable de pechar este ciclo mañá mércores.