DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Ribeira Sacra e os Canóns do Sil serán os enclaves protagonistas da Ruta Cultural

O percorrido inclúe a visita ao mosteiro de Santa Cristina

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 27/03/2009

Nos tramos finais dos ríos Sil e Miño, entre Lugo e Ourense atópase o espazo protagonista da Ruta Cultural desta fin de semana, a Ribeira Sacra. A paraxe caracterizada por ladeiras moi empinadas e fondas depresións, presenta un atractivo cultural e paisaxístico incomparable do que poderán gozar “os 100 participantes da ruta”, sinalou José García-Calvo, coordinador da andaina.
O percorrido de aproximadamente 20 quilómetros, pasará no seu itinerario por Esgos, Arcos, a Virxe do Monte, Vilouxe e rematará no mosteiro de Santa Cristina. Neste punto, os participantes farán unha parada para admirar esta construción do século XII situada na parroquia de Santa Cristina de Caxide.
Na súa andaina os camiñantes poderán gozar dunhas magníficas vistas dos Canóns do Sil, “o que quizais é a clave desta andaina, xa que poderán ser admirados en toda a súa dimensión dende diferentes alturas e perspectivas”. Debido aos desniveis e pendentes do percorrido, “a ruta posúe unha dificultade media-alta”, comentou García-Calvo; aínda que despois de sete camiñadas os participantes están adestrados para superar as complicacións que se lles presenten.
Ao longo da ruta será posible admirar unha gran cantidade de especies vexetais distintas debido á variación de altitude,  “camiñaremos dende os 300 ata os 900 metros de altura e volveremos a baixar, o que fará que se atopen dende monte baixo ata carballos e piñeiros”, explicou García-Calvo.

Próxima ruta

A seguinte ruta cultural chegará o 18 de abril, despois das vacacións de Semana Santa e levará novamente aos participantes ata os Canóns do Sil, aínda que nesta ocasión o itinerario pasará por Os Peares, o mosteiro de San Estevo e rematará no miradoiro dos Canóns. A distancia do percorrido é de 20 quilómetros e posúe unha dificultade media-alta.
Tras esta camiñada só restarán dúas andainas para pechar o ciclo das Rutas Culturais do curso 2008-2009, a do Bidueiral-Montederramo o día 25 de abril e a do 9 de maio en Lugo, onde visitarán O Incio.