DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Barrio Xudeu e o Castelo de Ribadavia cruzaranse no camiño dos aventureiros

O Ribeiro é o espazo protagonista da Ruta Cultural desta fin de semana

A xornada rematará cunha cata de viños

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 09/01/2009

Comeza o ano e con el voltan a Rutas Culturais. Todos aqueles que se fixeron o propósito de facer deporte e coñecer un pouco máis a contorna histórica e cultural de Galicia teñen unha boa oportunidade apuntándose a ruta do Ribeiro que terá lugar este sábado día 10. O itinerario levará aos participantes a coñecer Leiro e Ribadavia, pasando por Gomesende, o río Avia, San Cibrao e San Clodio. Esta primeira ruta do ano servirá aos participantes para coñecer as zonas onde se produce o viño coa denominación de orixe de O Ribeiro, “baluarte da provincia ourensá”, comentou dende a organización José García-Calvo. Pero grazas a ruta tamén coñecerán o Barrio Xudeu e o castelo de Ribadavia, o mosteiro de San Clodio e gozarán das “estupendas vistas, se o día está claro, que ofrece o miradoiro de San Cibrao”, explicou García-Calvo.
A distancia do percorrido é de 15 quilómetros e a dificultade media, “case todo o percorrido é suave, agás un pequeno tramo que ten pendente”, dixo o organizador. Os participantes deberán levar, como é habitual, o seu xantar pero tras el agárdaos unha cata de viños “en toda regra e de xeito profesional” que terá lugar en Ribadavia. Ao remate das actividades cada quen regresará cara o seu destino nos autobuses habilitados pola Universidade de Vigo.
A pesar da interrupción que supuxeron as vacacións de Nadal e de que os exames xa se atopan preto, os estudantes colleron con ánimo a volta ao curso. Contando os tres campus, son 85 os inscritos para participar nesta ruta, número que segue facendo preciso empregar dous autobuses, un por cada provincia.

Catro meses por diante

Seis son as rutas que aínda quedan ata que remate a tempada no mes de maio. Tras a ruta do Ribeiro, xaneiro levará aos participantes polo Aciveiro e Candán, na provincia de Pontevedra. En marzo as protagonistas serán as rutas da Serra do Xurés e a da Ribeira Sacra os días 7 e 28 respectivamente. Xa metidos na primavera, o mes de abril traerá dúas novas andainas, por un lado o día 18 a ruta dos Canóns do Sil e o día 25 a do Bidueiral-Montederramo. Pechando a programación das Rutas Culturais atópase a camiñada de O Incio, en Lugo, o sábado 9 de maio.