DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O concerto celebrarase o día 15 de decembro na sala Emilia Pardo Bazán

Riobó e o seu violín porán a música ao Nadal no campus

O grupo galego destaca polo virtuosismo dos seus músicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 05/12/2011

Unha cita tradicional no calendario de actividades culturais do campus de Ourense é cada ano o seu concerto de Nadal. Nel, a comunidade universitaria celebra estas datas especiais e despide o ano compartindo boa música e momentos de distensión. Nesta ocasión, o grupo elixido para ofrecer o concerto é Riobó, unha nova formación composta por destacados músicos galegos que amosarán o seu virtuosismo tocando pezas do seu primeiro disco, que leva o seu nome.

O concerto celebrarase o día 15 de decembro, ás 20.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do campus de Ourense, con entrada libre ata completar aforo. Como aconteceu nas anteriores edicións do concerto, desde a Vicerreitoría do campus agardan encher a sala de membros da comunidade universitaria e de ourensáns e converter así esta cita nunha pequena festa de Nadal.

“Este ano escollemos Riobó porque o ano pasado trouxemos ao coñecido violinista Ara Malikian e na medida do posible intentamos ir alternando músicos consolidados foráneos con novas promesas e música galega, para contribuír ao fomento da cultura galega e dos creadores emerxentes”, destaca Filemón Rivas, técnico de Actividades Culturais do campus de Ourense.

Nova formación pero moita experiencia

As persoas que decidan achegarse ao Edificio de Ferro gozarán coa música de Riobó, un grupo composto por destacados músicos do panorama galego. Está liderado por Begoña Riobó, considerada unha das violinista con maior proxección no panorama musical galego pois formou parte da banda de destacados músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo e Sondeseu. Con ela compoñen Riobó catro recoñecidos músicos cunha sólida traxectoria e que teñen participado nos principais proxectos musicais de Galicia, como son Fernando Barroso, á guitarra; Marcos Campos, á gaita, ao acordeón e ás frautas; Xosé Liz, ao bouzouki, e Fernando Pérez, ás frautas e á requinta.

A violinista galega e os seu grupo veñen de editar o seu primeiro disco, que herda o nome da formación e no que se aprecia o virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe. Coa súa música queren converter cada concerto seu nunha mostra de sensacións, onde convivan as raíces culturais máis puras con formulas interpretativas actuais. Para comprobalo en persoa, a cita é no campus de Ourense o vindeiro día 15 de decembro.