DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Risas e malabares na hora do xantar para combater o estrés

Nanny Cogorno presentou no campus o seu espectáculo de clown Lunatik

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/11/2009

A vida diaria, o estrés, as presas e as preocupacións só teñen acougo para moitos en determinados momentos do día como o do xantar. Se estes ratos van acompañados por risas e entretemento, a comida pode ser o mellor intre da xornada para “desconectar”. Con esa intención, Nanny Corgorno presentou este xoves o seu espectáculo Lunatik no Centro Comercial de Cidade Universitaria, achegando solucións para unha vida chea de tensións. Segundo o propio artista, “é un reflexo deste mundo desordenado, cruel, rápido, tolo... e como se atopa un pallaso plantado nel”.
Facendo fronte ao frío e á choiva reinantes, Nanny Cogorno apelou á participación do público, entre bocado e bocado, para quecer o ambiente. Malabares, humor, teatro, equilibrios e moitas risas fan de Lunatik unha boa alternativa á que agarrarse para esquecerse da vida cotiá.

Dez anos entre teatro e circo

Formado en escolas de teatro e circo en Bos Aires e Brasil, Nanny Corgorno descríbese a si mesmo como pallaso, charlatán e multidisciplinario artista... Con esta actuación no campus de Vigo, enmarcada dentro da programación de teatro de rúa da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes para o primeiro cuadrimestre, Cogorno despídese do continente europeo para comezar nas vindeiras semanas unha xira por Sudamérica.
Arxentino de nacemento, este artista estudou teatro na Escola Municipal de Arte Dramático de Bos Aires e empapouse do espectáculo na Escola de Circo Criollo da Cidade de Bos Aires. Posteriormente ingresa na Escola de Circo de San Pablo, Brasil. Cunha mestura entre teatro, clown e circo leva dez anos traballando e viaxando por diferentes países como Brasil, Uruguai, Colombia, Bolivia, Venezuela, Alemaña, Noruega, Italia, Canadá, Francia, Israel, Portugal, Inglaterra e Holanda entre outros. Nese tempo viron a luz catro espectáculos diferentes: JURUJUJAJA, Hernesto Amoroso, Baboo Coraje e este Lunatik.
Paralelamente, e dende detrás dos escenarios, puxo en marcha e dirixe Carcajada, o Festival Internacional de Humor de Bos Aires dende o ano 2000. Tamén presentou en España o Espacio Carcajada, irmán menor do festival arxentino, como mostra do humor internacional. Forma parte da ONG Payasos sin fronteras coa que participou en varias expedicións, entre elas a Kosovo e a Palestina.