DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Martínez Meave, premiado tipografo mexicano:

“O risco do deseño gráfico é que todo tende a ser prefabricado”

Defendeu nun curso en CCSS e da Comunicación deixar de lado o ordenador para comezar a crear "desde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 13/01/2014

Papel, lapis e imaxinación como único recursos para comezar a crear un logotipo desde cero. Eses foron os materiais que o deseñador gráfico mexicano Enrique Martínez Meave recomendou empregar ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación á hora de enfrentarse á tarefa da creación. Non en van, alerta de que a proliferación na rede de recursos coma librarías de imaxes ou fontes de catálogo está a levar o deseño de identidades corporativas cara a homoxeneidade. “O risco do deseño actualmente é que todo tende a ser prefabricado”, advirte este deseñador gráfico, tipógrafo e ilustrador.

Cunha traxectoria profesional avalada por cinco premios do Type Directors Club de Nova Iork; tres premios da Association Typographique Internationale e pola súa selección entre os cen deseñadores emerxentes máis importantes pola revista Área_2, Martínez Meave centrou o curso que impartiu no Máster en Dirección de Arte Publicitaria en abordar co alumnado o “panorama xeral” dos campos do deseño de logotipos, a caligrafía, a tipografía e a ilustración. Fíxoo deixando os ordenadores nun segundo plano e levando aos estudantes a traballar a maior parte do tempo só con lapis e papel. “Penso que é bo sacar aos alumnos do contexto do ordenador, aínda que só sexa por unhas horas. O ordenador condiciona moito o modo de traballo e se sacas ao alumno da súa contorna, flúen outras ideas”, defende.

Construíndo a partir de elementos xa creados

“Actualmente hai moitísimos recursos prefabricados para que o deseñador cree logotipos ou identidades sen ser un creador primario. Hai fontes de catálogo, cliparts, galerías de figuras de vectores… Ou sexa, que un pode facer un logotipo ensamblando anacos que xa existen”, salienta este deseñador. O resultado final, ao seu xuízo, non ter que ser necesariamente negativo, pero si trae consigo unha tendencia á homoxeneidade. “Estamos usando os mesmos elementos en Indonesia, en Holanda, en México e en España”, alerta. “Podemos lograr unha identificación máis profunda dun produto coa súa marca se traballamos desde cero que a que obteríamos se simplemente empregamos unha solución de catálogo”, sostén.

Iso é o que acontece, por exemplo, co emprego de determinados tipos de letra moi estendidos “para produtos moi diferentes”, apunta o creador de varias tipografías distribuídas a nivel internacional por Adobe Systems e autor do tipo de letra que emprega nas súas comunicacións oficiais a Presidencia da República de México. Para este deseñador, a tipografía é na comunicación escrita o equivalente ao ton de voz na fala. “Finalmente o que un está a dicir calquera o pode dicir, pero o tipo de voz tamén comunica algo”, defende.

De aí que, aínda que recoñece que outros deseñadores defenden o uso dun tipo de letra o máis neutro posible, el aposte claramente pola creación de fontes “que non sexan só lexibles e facilmente utilizables, senón que teñan tamén un estilo e un carácter”. Para dotar de personalidade a ese ton de voz visual, Martínez Meave avoga por ter en conta o contexto e os referentes culturais da contorna na que se move a empresa ou institución en cuestión. “Trátase de que a tipografía comunique tamén os valores da organización”.

O valor do debuxo manual

No seu traballo como deseñador, Martínez Meave prefire comezar a traballar con lapis e papel, “porque a man desenvolve moito a mente e bocexar dá un xiro diferente a calidade das ideas que saen”. De feito, este mexicano, que traballou como ilustrador para firmas como Camel ou José Cuervo, recoñece que exercitar a habilidade do debuxo manual resulta positivo en moitos campos. “Aínda que sexa para debuxar letras”. Por iso, no curso impartido na facultade pontevedresa levou ao alumnado a traballlar sobre o papel, non coa idea de que acabasen adoptando o seu método, senón coa de tratar de que isto lles axudase a asentar unhas “bases conceptuais, coas que poidan tomar boas decisións en materia de estilo”.

Esa mesma idea de sacar ao alumnado da súa contorna habitual, Martínez Meave levouna tamén á parte do curso que centrou na creación de logotipos. Nesta, avogou por comezar o deseño centrándose na propia palabra, no nome da marca comercial ou da empresa na que se vai centrar o traballo, “que nos vai a dar as primeiras claves”. O segundo factor a ter en conta, ao seu xuízo, é o contexto social e cultural, analizar se “hai certos patróns ou nocións culturais ligadas a unha área determinada”. Á fin e ao cabo, "non é o mesmo facer o logotipo para unha marca de parafusos que de lencería", defende. Cada sector ten asociados unha serie de valores e características que compre ter en conta á hora de crear. Por exemplo, apunta, “neste tempo de alimentación industrial, as marcas de comida buscan presentar os seus produtos como algo caseiro”.