DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lightnin' Guy ofreceu un concerto no Edificio Politécnico

A ritmo de blues entre clase e clase

O campus tamén acolle este mércores una representación teatral de Funboa Escénica

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 09/10/2013
Entre clase e clase, esta mañá a comunidade universitaria puido gozar do mellor blues. Lightnin' Guy, músico belga considerado un dos máis destacados artistas internacionais deste xénero, ofreceu un concerto de balde na cafetaría do Edificio Politécnico. Coa súa visita a plataforma Blues Galicia inicia unha serie de accións que teñen por obxectivo achegar novos públicos a este tipo de música poñéndoos en contacto directo con algúns dos seus máis destacados representantes. Alumnado, docentes e persoal do campus de Ourense foron os primeiros privilexiados en unirse a ritmo de blues a esta iniciativa.

“O noso obxectivo é comezar a crear un circuíto de blues en Galicia para entrar no circuíto europeo”, destaca Paco San Juan, promotor con Manuel Carballo de Blues Galicia. O día 25 e 26 de outubro, explica, Ourense acollerá Terra de Blues 13, un encontro de programadores musicais de Galicia e Portugal e como anticipo do que será a súa programación de actividades os organizadores da cita decidiron celebrar unha serie de concertos entre os que se inclúe o de Lightnin' Guy no campus. Coa súa guitarra e acompañado polo grupo galego de Manuel Carballo, Lightnin' Guy encandilou ao público asistente, que na súa maioría se atopou por sorpresa con un concerto que lle sorprendeu polo estilo de música e sobre todo pola gran calidade dos artistas. “El é unha figura a nivel europeo, está considerado un dos mellores bluesman. É un privilexio contar coa súa presenza en Ourense”, salientou San Juan sobre Lightnin' Guy.

O FITO no campus

No eido cultural, o campus de Ourense tamén acolle este mércores unha das actuacións do FITO, o Festival Internacional de Teatro de Ourense. A compañía galega Funboa Escénica representa, ás 20.30 h, Oiseau Rebelle (paxaro rebelde), un espectáculo de teatro-danza, verbal, plástico e sonoro que dialoga sobre o imaxinario amoroso e do desamor. Funboa Escénica é unha compañía de nova creación que naceu da man de Cristina Balboa e Paulina Funes coa intención de crear novas ideas, de dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas de entender esta arte escénica. As propias Cristina Balboa e Paulina Funes son as intérpretes da obra coa que a Universidade recibe á cita de referencia teatral do outono en Ourense. O prezo da entrada é de tres euros.