DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns celebrouse a votación da Xunta de Facultade

Roberto Bustillo é elixido decano de Dereito

Recibiu 34 votos a favor, dous en contra e un en branco

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 08/10/2012
Con 34 votos a favor, dous en contra e un en branco Roberto Bustillo foi elixido este luns novo decano da Facultade de Dereito do campus de Ourense. Con este resultado nas votacións da Xunta de Facultade, o docente, que substitúe a Miguel Ángel Michinel ao fronte do centro, salienta que o seu equipo "conta co respaldo e a unidade suficientes” para asumir con confianza os vindeiros tres anos de mandato e os retos que se lles presentan, como son a consolidación dos estudos existentes, o mantemento do persoal docente e investigador e a participación no proxecto Campus da Auga.

As eleccións celebráronse por votación da Xunta de Facultade, que está formada, alén do equipo decanal, por todo o profesorado funcionario do centro e representacións tanto do persoal docente e investigador non funcionario coma dos estudantes e do persoal de administración e servizos. En total trátase de 42 persoas das que asistiron a votar 37 e que case nun 92% dos casos depositaron a súa confianza en Roberto Bustillo e o seu equipo, que estará formado polos vicedecanos Virxilio Rodríguez e Susana Álvarez e a secretaria Dolores Fernández.

Retos para os próximos tres anos

O obxectivo para os vindeiros tres anos de mandato, apunta Roberto Bustillo, será “tratar de xestionar o que xa está construído” grazas “ao enorme esforzo de Inés Iglesias e Miguel A. Michinel para adaptar os estudos da facultade a Boloña”. “O máis importante xa se fixo, agora é o momento de mantelo, xestionalo e ir mellorándoo cos escasos recursos cos que nos toca traballar”, destaca o novo decano. Entre estes retos estará tamén implicar activamente ao centro no desenvolvemento do proxecto do Campus da Auga, “unha aposta estratéxica de futuro para o campus de Ourense da que a Facultade de Dereito de Ourense quere ser partícipe activo”.

A consolidación dos graos e posgraos xa implantados, a permanente mellora da súa calidade e o mantemento do persoal docente e investigador do centro son algunhas das liñas de traballo do novo equipo decanal. “Conseguimos remontar a caída de alumnado dos anos anteriores e agora estamos nun bo nivel de matriculación, pero teremos que conseguir mantelo e incrementalo. No caso da perda de persoal non está nas mans do decanato parala pero si opoñernos a esa situación e lembrar que a calidade educativa non é un concepto abstracto senón persoas concretas, persoal cualificado”, advirte Roberto Bustillo.