DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rock e Folk unidos para celebrar o San Vicente’08

Polbo, gaiteiros e concertos foron os pratos fortes da celebración

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 25/04/2008
A celebración do San Vicente’08 non deixou indiferente a ninguén no campus, os partidarios das celebracións ao estilo tradicional achegáronse ata a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde había unha polbeira amenizada por gaiteiros, mentres os habituais dos concertos tiveron na Praza Miralles a oportunidade de disfrutar dunha boa tarde de música.
250 bocadillos, empanadas, tortillas, pasteis... “Temos un pouco de todo. A maior parte das cousas feitas por nós mesmos na casa”, comentaba unha das organizadoras a pe de barra. “E, si se quere algo máis enxebre, aquí temos a polbeira”, engadía.
Lois, Xoan, Fátima e María son demasiado novos para asistir a Universidade, pero este venres recorreron as súas aulas, fixérono con gaitas, tambor e trombón animando a estudantes e docentes a participar na festa. Son irmáns e forman o grupo “Os trasnos da gaita” de Samil, tocaron xa no San Vicente’07 e este ano repetiron experiencia. “Estivemos tamén recorrendo o resto de facultades para animar a outros estudantes a achegárense ata aquí”, comentaba María, a irmá maior.
Mentres, nunha das clases da facultade, cambiaron a lección maxistral por un campionato de Proevolution Soccer, “a mellor opción para botar un bo partido”, comentaba un dos xogadores. “Non somos uns frikis por pasar horas aquí dentro”, comentaba Daniel Pérez, “só que é moi entretido. De todas maneiras non xogamos de seguido, senón que xogamos en quendas e botamos un partido, máis ou menos cada vinte minutos”.
Pola tarde, os concertos foron os protagonistas na Praza Miralles. Os grupos Dreams of Dolly shepp, 6X1 e Alvaro Costas & Hot Band puxeron o son.
Os máis festeiros poderán continuar a festa nos pubs MODO e Albedrío no barrio de Churruca.