DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade abre as súas portas a un grupo de mozas con discapacidade psíquica

Para romper coa rutina, un día no campus

Fixeron un percorrido polo campus e visitaron varios laboratorios para rematar cun xantar na ETSE de

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/10/2012
É para elas un día diferente, cargado de experiencias novas, de novas persoas e lugares ata o momento descoñecidos. As preto de 20 mozas con discapacidade psíquica lixeira que este xoves visitaron o campus para coñecer as instalacións universitarias puideron achegarse a unha das institucións máis representativas da cidade que abre as súas portas a toda a sociedade e amosa o seu labor docente e investigador. A iniciativa parte de traballadores da Universidade que, tras anos colaborando en tarefas de voluntariado en centros como Rebullón, residencias de anciáns ou centros para nenos, decidiron agora colaborar con residencias coma a da Fundación San Rosendo en Patos, á que pertence este grupo de mozas, para facer que os seus inquilinos “se sintan parte integrante da sociedade e non excluídas, levándoas a visitar organismos de estudo e de traballo”, como explica Marisa Seara, unha das promotoras desta iniciativa. Neste sentido, Seara explica que “entendendo que a Universidade é humanista e pensa no home como ser físico, psíquico, intelectual, moral e afectivo, e intenta poñer especial énfase na dignidade e o valor da persoa humana, resulta apropiada para a visita destas mulleres amigas e necesitadas de calor e respecto”.

A Universidade de preto

O percorrido comezou nos laboratorios do Edificio de Ciencias Experimentais onde presenciaron algún experimento do que non perderon detalle. De seguido un percorrido polo campus para coñecer tanto a súa arquitectura como a súa contorna natural e, para finalizar, un xantar na ETSE de Minas. Foron tamén recibidas polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, encargado de presentarlles unha institución que, como lles explicou a directora da residencia, Mª del Carmen Iglesias, é “como unha nación, co seu goberno e os seus cidadáns”. Costas compuxo para elas unha imaxe da Universidade en xeral, e do campus de Vigo en particular, “un lugar no que formamos aos profesionais do futuro pero tamén un lugar para vivilo, para pasealo e para coñecelo”. Da súa man achegáronse a un espazo onde “conviven as persoas coa fauna e a flora, con especies únicas en Galicia e cunha historia de 5000 anos”. Abraiadas e interesadas escoitaron as historias dos primeiros poboadores destes terreos nos que hai restos de tres aldeas do calcolítico, enterramentos megalíticos e vestixios dunha batalla contra os franceses na Fontefría. O vicerreitor animounas a coñecer o campus en primavera para poder ver no seu esplendor as 500 especies de flora que hai no campus vigués e tamén a arquitectura, con edificios premiados internacionalmente que “son motivo de visitas de moitos afeccionados á arquitectura”. Estas edificacións, xunto coa vida estudantil, docente e investigadora compoñen o día a día dun campus compartido con “cabalos, ovellas e coellos, un parque do coñecemento para vivir e convivir”.